Mulleres galegas tamén van rexistrar os seus corpos contra a reforma de Gallardón

[Imaxe: GalizaContrainfo]

Farano o 19 de febreiro nunha acción reivindicativa que se realizará de maneira simultánea nos rexistros da propiedade de Compostela e da Coruña. 


A idea deitouna nas redes sociais a artista visual Yolanda Domínguez e tivo tanta repercusión que foron centros as mulleres de todo o Estado español que se presentaron nos rexistros da propiedade das súas cidades para deixar constancia dunha obviedade que o ministerio de Xustiza semella ter esquecido: que o seu corpo é, efectivamente, delas. 

O rexistro mercantil de bens móbeis de Madrid admitiu a trámite as solicitudes 

Non só conseguiron visibilizar o seu rexeitamento á contrarreforma que preparan en Madrid sobre a Lei que regula a interrupción voluntaria da gravidez desde 2010, senón que o rexistro mercantil de bens móbeis da capital española admitiu a trámite as solicitudes de inscrición. Segundo explicou o rexistrador Antonio Calvo González de Lara, as mulleres teñen "todo o dereito do mundo" a que a súa reclamación sexa estudada. 

Na Galiza, a primeira onda de rexistros tivo repercusión en Vilagarcía, onde 30 veciñas intentaron inscribir os seus corpos como da súa propiedade e finalmente non puideron facelo porque, ao se tratar dun ben móbel --aquel que se pode levar dun lugar a outro--, os impresos debían entregarse noutro edificio, en Pontevedra cidade. 

A Rede Feminista Galega e a Plataforma polo Dereito ao Aborto convocaron dúas entregas simultáneas nos rexistros da propiedade de Compostela e da Coruña

Porén, a Rede Feminista Galega (en Compostela) e a Plataforma polo Dereito ao Aborto (na Coruña) veñen de facer un chamamento a lle dar continuidade a esta acción reivindicativa coa convocatoria de dúas entregas simultáneas que decorrerán o 19 de febreiro por volta das 15.30h nos rexistros da propiedade. Polo de agora, só mulleres desas dúas cidades decidiron sumarse.

Á acción están chamados colectivos feministas e mulleres a título individual. Con cartaces ou sen eles, o único requisito é rexeitar un anteproxecto máis restritivo que a lexislación de 1985 --a primeira que regulou o aborto-- e que devolvería este dereito até os anos 60.