A Plataforma Mina Touro-O Pino Non exixe revogar o acordo que somete a exposición pública o proxecto de Cobre San Rafael
Actos e mesas informativos “facilitarán” a presentación de alegacións contra a reapertura da mina.
O pasado domingo, 12 de xaneiro, decorreu no Local Social de Bama, en Touro (comarca de Arzúa) unha asemblea da Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non na que o colectivo definiu novas actuacións.
Entre as decisións tomadas figura o rexistro dunha solicitude á Valedora do Pobo e á Consellaría de Economía e Industria demandando que se revogue o acordo polo que se somete a información pública o proxecto, presentado por Cobre San Rafael, de reapertura da mina de extracción de cobre en Touro e O Pino. “Nos datos dos bens e dereitos afectados aparecen erros e omisións, que atentan contra o dereito a unha información veraz e completa das persoas e comunidades directamente afectadas”, afirman desde a plataforma.
Segundo denuncia a Nós Diario a portavoz da plataforma, Obdulia Lareo, existe "desamparo da veciñanza" por ver que "boa parte da documentación en exposición pública está en branco, censurada" e verse imposibilitada "para presentar alegacións". Un dos datos que non teñen é "o informe de solvencia económica e financeira, polo que non sabemos o entramado societario que hai tras a empresa"
Ademais, e logo de solicitar entrevistas con todos os grupos do Parlamento galego para abordar “o problema da mina”, o colectivo reunirase co Grupo Parlamentario do BNG a vindeira cuarta feira, 15 de xaneiro. “En todo caso, a plataforma fica á espera da resposta do resto dos grupos parlamentarios”.
Actos e mesas informativas
Entre os días 17 e 29 de xaneiro decorrerán actos informativos sobre a situación actual do intento de reabrir a mina de cobre Touro-O Pino, así como das actividades que se están a realizar en Piloño-Vila de Cruces (O Deza), Santiso (Terra de Melide), Teo (comarca de Compostela), A Estrada (Tabeirós-Terra de Montes), Padrón (O Sar), Arzúa (comarca homónima), Compostela, Ribeira (O Barbanza) ou Vilargarcía de Arousa (O Salnés).
Nestas localidades instalarán mesas informativas que “facilitarán” a presentación de alegacións ao acordo da Xunta da Galiza polo que se somete a información pública a reapertura da mina.