A Plataforma Galega contra a OTAN organiza unha contracimeira galega

Cartaz da Plataforma Galega contra a OTAN. (Foto: Nós Diario)
Decorrerá o vindeiro 19 de xuño na Nave de Vidán, en Santiago de Compostela.

A Plataforma Galega contra a OTAN vén de publicar o programa da "contracimeira de carácter internacionalista e antiimperialista e na defensa da soberanía dos pobos" que decorrerá na Nave de Vidán, en Santiago de Compostela, o vindeiro 19 de xuño.

O acto, baixo o nome 'Galiza contra a OTAN. Contracimeira galega', comezará ás 9.30 horas, coa intervención do licenciado en Xeografía e Historia e experto en política internacional e xeoestratexia Duarte Correa, que falará da "OTAN ao longo da historia".

A continuación, ás 10.15 horas, será a quenda do enxeñeiro, escritor e profesor Alberte Blanco, quen tamén colabora con Nós Diario escribindo artigos de opinión, coa palestra 'Cara un mundo menos unipolar e máis multicéntrico'.

O sociólogo e docente da Universidade de Berkeley (California), Ramón Grosfoguel, intervirá por por videoconferencia para falar das "consecuencias dunha escalada militar a nivel mundial".

Lectura dun manifesto

Ás 12 horas está previsto que os representantes da Plataforma Galega contra a OTAN Susana Méndez e Oscar Valadares fagan lectura dun manifesto contra a cimeira da OTAN que decorerrá en Madrid os días 29 e 30 de xuño.

Despois da lectura do manifesto terá lugar a presentación da campaña mundial #No+OTAN. A presentación correrá a cargo do Licenciado en Filosofía e avogado Fernando Rivero Osuna, un dos impulsores da campaña, quen tamén intervirá por videoconferencia.

Ás 13 horas será a quenda da doutora en Ciencias Políticas e Socioloxía da Universidade Complutense de Madrid, Ángeles Diez Rodríguez, quen conversará do "papel da OTAN no contexto mundial actual".

Programa do acto en Santiago de Compostela

Finalmente, a clausura deste acto, sobre as 14 horas, será guiada pola representante da Plataforma Galega contra a OTAN Susana Méndez.

Actos en xuño

Con motivo do encontro da OTAN en Madrid, a Plataforma Galega contra a OTAN convocou durante todo xuño diferentes actos contra a cimeira da organización atlantista.

As máis dunha trintena de organizacións integradas nesta entidade convocan estas actividades, afirman nun comunicado remitido aos medios, "co obxectivo de difundir os verdadeiros obxectivos da OTAN, denunciar o seu carácter agresivo e expansivo, rexeitar o papel dos seus membros, en particular do Estado español, e o uso de infraestruturas e equipamentos en territorio galego".