A Plataforma Galega contra a OTAN mobilizarase por todo o país contra o cumio da Alianza en Madrid

O 19 de xuño decorrerá en Compostela unha "contracimeira de carácter internacionalista e antiimperialista e na defensa da soberanía dos pobos".
Manifestación da Plataforma Galega contra a OTAN decorrida na Coruña o pasado febreiro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Manifestación da Plataforma Galega contra a OTAN decorrida na Coruña o pasado febreiro. (Foto: Nós Diario)

A Plataforma Galega contra a OTAN convoca durante todo xuño diferentes actos por todo o país diante do cumio da Alianza que decorrerá en Madrid os días 29 e 30 deste mes.

As máis dunha trintena de organizacións integradas nesta entidade convocan estas actividades, afirman nun comunicado remitido aos medios, "co obxectivo de difundir os verdadeiros obxectivos da OTAN, denunciar o seu carácter agresivo e expansivo, rexeitar o papel dos seus membros, en particular do Estado español, e o uso de infraestruturas e equipamentos en territorio galego".

Así, o vindeiro 19 de xuño organizarase en Compostela unha "contracimeira de carácter internacionalista e antiimperialista e na defensa da soberanía dos pobos". Será na Nave de Vidán a partir das 9.30 horas, e participarán, entre outros, José Goulão, Ramón Grosfoguel ou Ángeles Díez.

Aliás, a plataforma ofrecerá diferentes palestras informativas en varios concellos da Galiza baixo o título 'Que é a OTAN e canto nos custa?', co gallo de "explicar a realidade detrás da alianza militar imperialista".

A primeira cita será en Vigo esta quinta feira, 9 de xuño, na cafetaría De Catro a Catro (20 horas), da man de Duarte Correa e Olaia Chaves.

Nesa mesma data e de forma paralela tamén se realizarán repartos simultáneos nos diferentes campus das universidades galegas.

Por outra parte, o colectivo chama a sociedade galega a participar da manifestación convocada en Madrid o vindeiro domingo 26 de xuño, para o que habilitará autobuses.

Comentarios