A Plataforma galega en defensa do ensino público marchará contra a LOMCE o 28 de setembro

O calendario de mobilizacións convocadas pola plataforma comezará esta cuarta feira cunha concentración perante a Consellaría e advirten que estudan presentar un recurso contra o decreto de comedores que deixa 14.000 alumn@s sen acceso gratuíto a este servizo

 

A Plataforma galega en defensa do ensino público presentou esta segunda feira o calendario de mobilizacións que dará comezo co curso escolar. En comparecencia de imprensa representantes da Plataforma anunciaron unha marcha contra a LOMCE para o vindeiro 28 de setembro cando está a piques de rematar a tramitación parlamentar da reforma educativa.

Aliás, esta cuarta feira concentraranse ás portas da Consellaría  de Educación coincidindo co comezo do curso en Infantil e Primaria. Tamén así, advirten á Xunta que están a estudar a presentación dun recurso contra o decreto de comedores aprobado polo goberno de Núñez Feijóo e que supuxo a privatización deste servizo.

Marcha contra a LOMCE
A manifestación terá lugar o vindeiro 28 de setembro e partirá desde o Monte do Gozo ás 10.30h e rematará na praza de Praterías onde desenvolverán un acto reivindicativo para lembrar, aseguraron desde a Plataforma, o "rexeitamento social maioritario" a unha lei, din, "españolizadora, privatizadora, clasista, antipedagóxica, antidemocrática e confesional que  liquida a igualdade de oportunidades e expulsa do ensino os sectores sociais máis desfavorecidos".

Para esta xornada a Plataforma disponibilizará autobuses desde distintos puntos do país que trasladarán @s manifestantes até a capital galega. 

"Pola educación e o  benestar dos nosos fillos e fillas”
O calendario de mobilizacións comezará esta cuarta feira coincidindo co arranque do curso escolar para as crianzas de Infantil e Primaria. Unha concentración ás portas da Consellaría de Educación denunciará a "política educativa baseada no desmantelamento do ensino público" que segundo Anxo Louzao (CIG-Ensino) está a desenvolver o PP desde a Xunta de Galiza. Neste senso, Elvira Lombao da Federación Provincial de ANPAS de Lugo fixo un chamamento á participación cidadá nas mobilizacións convocadas pola Plataforma porque, dixo, "loitamos pola educación e o  benestar dos nosos fillos e fillas”.
Aliás, advertiron ao conselleiro Jesús Vázquez que están a estudar a presentación dun recurso contra o decreto de comedores que deixa a 14.000 alumn@s sen acceso a un servizo público de comedor.