A Plataforma de Seixo presentará unha ILP en defensa dos Centros de Saúde de Marín

A asemblea reunida acordou colocar mesas para axudar coas reclamacións (Foto: Nós Diario).

Veciñas e veciños reuníronse en asemblea e decidiron comezar a recoller sinaturas para presentar unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP). Na xuntanza lembraron a familia dunha nena de 12 meses que padeceu o atraso dunha ambulancia nun traslado ao Centro Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).

A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, que agrupa a 21 colectivos e asociacións das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, no concello de Marín, realizou esta sexta feira unha asemblea veciñal na Alameda de Seixo, para informar, segundo explican nun comunicado, “da grave situación do Centro de Saúde de Seixo, de Marín, das urxencias do PAC no concello e no Hospital Montecelo” e concretar as novas protestas “despois dun ano de loita por unha atención sanitaria digna”.

A asemblea comezou cunha lembranza das veciñas e dos veciños da parroquia do Campo que están “a defender a vida no rural contra os incendios do Courel.”

Así mesmo houbo un “sentido aplauso” para a familia da nena de 12 meses que tiña que ser trasladada do Hospital Provincial de maneira urxente para ser operada en Santiago “e a ambulancia atrasouse”.

Recollida de sinaturas

A veciñanza acordou unha recollida de sinaturas da Iniciativa Lexislativa Popular, en conxunto co resto de plataformas galegas, que realizarán a partir de agosto de maneira fixa nos centros de saúde de Seixo e Marín e noutros lugares que se informarán posteriormente.

Estas mesas de recollida de sinaturas irán acompañadas de asesoramento para a veciñanza que queira poñer reclamacións “para ter unha atención sanitaria digna cando o precisa, sexa referido a demoras nas citas co seu médico de cabeceira, con especialistas ou pola situación do servizo de ambulancias ou a saturación das urxencias”.

No acto tamén se presentou o ”monumento a un ano de loita veciñal”, unha estrutura artesanal en forma de cúpula, con estrutura de madeira e soportes de metal, feita polas veciñas e veciños, na que se pode mirar unha escolma de fotos das actividades feitas pola plataforma dende a súa creación en xullo de 2021.

Esta estrutura estará situada na Praza de Abastos para poder ser contemplada pola veciñanza que non puido acudir á Asemblea.

Mobilizarse "contra os recortes"

Desde a Plataforma lembran que “mobilizarse contra os recortes é necesario porque quedando na casa perderiamos o máis valioso que temos que son os servizos públicos a comezar polo dereito á saúde” por iso “convidamos ás veciñas e veciños a que agora participen da recollida de sinaturas porque temos que seguir coa presión á Xunta, como están facendo tamén noutros lugares”.

Alén diso, sinalan que “non imos agardar a que pase algo grave para saír á rúa e agardamos que a veciñanza do resto do concello nos apoie, porque se trata de defender unha boa sanidade pública para todas e todos.”