A Plataforma da Infancia da Galiza reclama medidas de apoio a menores en centros de protección

A plataforma advirte dos efectos do confinamento en menores de idade.

A Plataforma da Infancia da Galiza, que agrupa unha trintena de entidades sociais, vén de trasladar á Xunta unha serie de propostas para paliar as consencuencias das restricións que impón a crise sanitaria neste sector da poboación, con especial atención a colectivos como o das mozos e mozos residentes en centros de menores, con medidas de apoio á empregabilidade e prórrogas na súa estadía nos centros. 

 

A organización propón, durante o estado de alarma, a suspensión de todas as baixas ou ceses nos centros por terse cumpridos os 18 anos, salvo excepcións xustificadas, incluídas aquelas persoas que finalicen a situación de prórroga.

Segundo advirte, durante estas semanas de confinamento, son moitas as persoas que se atopan nestes centros que están próximas a cumprir a maioría de idade e que, antes da emancipación, "precisan estabilizar a súa situación persoal e un acompañamento na nova etapa". Unha vez que conclúa este período, pide se habiliten prórrogas de até seis meses para este colectivo de mozas e mozos.

No que atinxe á busca de emprego, interrompida durante a corentena, a plataforma propón que durante a etapa se poña a disposición das persoas usuarias destes centros material específico "onde se traballe a visión da realidade social e as posibilidades e dificultades que van a caracterizar o mundo laboral ao finalizar a crise sanitaria".

Unha vez que remate o confinamento, as entidades da plataforma ven necesario garantir, desde as oficinas de emprego, un servizo de orientación extraordinario, ademais de facilitar o acceso a formacións ocupacionais a aquelas persoas que non teñan conseguido o título da ESO, polo  menos durante un ano. 

Estas demandas forman parte do paquete de medidas co que a plataforma quere contribuír a paliar os efectos que esta situación provocada pola pandemia está a ter na infancia e mocidade, en especial nos colectivos máis vulnerábeis, e que pasan, entre outras, polo reforzo ás prestacións económicas por menores a cargo.

Neste sentido, a plataforma incide na necesidade de alternativas que garantan a correcta alimentación dos nenos e nenas que recibían bolsas de comedor ou da creación dunha rede de apoio ás familias residentes no rural. O colectivo tamén ve preciso realizar un seguimento das menores de familias con necesidades especiais de protección, polo risco de que se incrementen os casos de violencia durante o confinamento.