Plataforma e confrarías exixen incorporarse ás comisións de desencoro

Os bancos marisqueiros vense afectados pola falla de depuración e de control sobre as augas dos ríos que verten na ría de Arousa (Foto: Xunta da Galiza).

Mariscadoras e bateeiros denuncian a inxustiza de que non se controle a actuación das eléctricas nos encoros. O sector pide estar na mesa de negociación da conca hidrográfica para regular o seu uso.

A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) fixo público este sábado en Carril (Vilagarcía de Arousa, comarca do Salnés) o escrito remitido dous meses atrás a Augas da Galiza no que denuncian a deficiente xestión do caudal ecolóxico máximo dos ríos. Nel, o sector marisqueiro afirmou que está sufrindo “unha forte mortalidade de bivalvos” e advertiu que se non obteñen resposta, comezarán por acudir á Valedora do Pobo.

Nunha rolda de prensa con responsábeis do sector, o presidente da Plataforma, Xaquin Rubido, afirmou que as rias de Arousa e Muros-Noia están “nunha situación de indefensión” en relación ao que considera “descontrol” sobre o que ocorre nos ríos cando chove moito. “É algo recorrente no tempo”, considerou.

Testemuñas do sector

Na comparecencia, Carme Núñez, directiva da Agrupación de Mariscadoras de Cambados, explicou que a súa zona “cae” na foz do Umia e sempre foi unha zona moi produtiva “mesmo en berberecho”. Agora hai “moita cría mais non crece, non dá para a xente que a traballa”. No caso da ameixa fina “e outras especies autóctonas” asegurou que “é un desastre”. Confesou que é normal que veña a auga do río “mais non tan escura e tan de golpe”.

Pola súa parte, Francisco Pérez, presidente da Agrupación do Marisqueo a Pé da Confradía de Noia, asegurou que “a campaña foi moi mala, morreu moito marisco” e a razón “non foron as choivas, foi que o encoro baleirou moita auga e matou mesmo o 80% a cría para o ano vindeiro”. Sinalou que un dos maiores problemas é a “falta de protocolo da apertura e abren cando ás empresas eléctricas lles vai mellor” mesmo, nalgúns casos, “cando están mariscando”.

Confirmou que analizando o estado da auga no Freixo e no Testal, moitos días “a salinidade estaba a 0” polo que “morre todo o marisco”. Outra das situacións, mesmo de perigo, que viven é cando abren as comportas sen avisar ou avisando tarde. “Houbo casos que o anuncio chegou tarde e aínda por riba á Protección Civil, nos ás confrarías, polo que a corrente puido levar por diante ás mariscadoras como aconteceu outras veces”.

Miguel Iglesias, patrón maior de Rianxo, explicou que o encoro de Portodemouros é de rebose polo que a empresa “ten que ter unha previsión para bombear auga”, algo que, asegurou, “non teñen”. Neste sentido, aféoulle a Augas da Galiza que “mire para outro lado” e non controle. Outro dos problemas, apuntou Iglesias, son os “lodos”. Sobre este problema, afirmou ter fotografías do río Ulla con “zonas de 50 cm. de lodos que apareceron dun día para outro”.

Tamén interveu María Porto, presidenta da Agrupación do Marisqueo a Pé da Confradía de Carril, que confirmou as palabras de Miguel Iglesias durante a súa intervención. “O principal problema é que non hai consenso na apertura ou de rebosar, debería realizarse en mareas vivas”, asegurou. Porto relatou que, no seu caso, teñen parques de cultivo e chegáronlles moitos lodos. “A primeira en morrer é a ameixa de Carril, é a máis delicada”, constatou.

Salvador Allo, da asociación de Mexilloeiros da Illa de Arousa explicou que no seu sector, nas bateas increméntase o peso “pola cantidade de lodos que veñen”. Por este motivo, sinalou que o mexillón “desplúmase antes, medra menos e que apousenta o lodo en vez de facer o seu percorrido”. Para Allo, hai que ter en conta que os lodos veñen contaminados polas minas que hai rio arriba.

“Hai que mirar para que Augas da Galiza e Consellaría fagan o seu traballo que é ver que a calidade das augas dos rios cheguen con calidade ás rías”, exixiu ao tempo que aclarou que ambas as dúas institucións “teñen persoas especialistas empregadas para facelo mais non fan o seu traballo”. Alertou, tamén, da “ameaza das minas que queren abrir e queremos saber como vén a auga”.

"Augas da Galiza ten medios"

Xaquín Rubido, ao remate das intervencións, engadiu que se concederon novos encoros neste mesmo século -o de Brandariz e o de Touro- coa intención de “modular as achegas de auga doce de Portodemouros mais non están a cumprir esa función” e só producen electricidade.

Para Rubido, Augas da Galiza ten sistemas para medir e datos para controlar o que acontece no río, o que pasa é que non se trata de igual forma á eléctricas que ás mariscadoras e aos bateeiros”. Por este motivo, exixiu saber que está acontecendo e unha maneira é “que o sector estea na mesa de negociación da conca hidrográfica para regular os encoros”.