A plataforma anti-eólicos de Ordes intensifica a loita

A Plataforma contra a implantación de parques eólicos na Comarca de Ordes vén de presentar perante a Xunta os primeiros escritos contra os parques eólicos Gasalla e Monte Inxerio cando é inminente a aprobación da declaración interese especial das citadas instalacións.

Membros da plataforma presentaron a pasada sexta feira perante a Consellaría de Economía e perante a Presidencia da Xunta os primeiros escritos relativos “á inminente declaración de interese especial por parte do Consello da Xunta dos parques eólicos Gasalla e Monte Inxerio”. Escritos en que poñen de manifesto que a aprobación da declaración sería contraria ao interese xeral e, posibelmente, afirman, nulo de pleno dereito.

 

A empresa promotora deses dous parques e dos denominados Ardemil e A Pobra, Green Capital Power S.L., “está a fragmentar de forma fraudulenta para á súa tramitación un único parque que iría da parroquia de Lesta, en Ordes, até Vilasantar, en varios máis pequenos co fin de evitar trabas na súa tramitación administrativa e medioambiental”, denuncia a plataforma nun comunicado de imprensa.

 

Na documentación enviada ao Goberno galego, e á que tivo acceso Sermos Galiza, advírtese de que o proxecto vai estar situado nos concellos de Frades e Mesía, nunha zona especialmente gandeira de produción de leite e produtos leiteiros onde vai ficar afectado moito solo agrario. “Esta zona xa está sufrindo actualmente a presión dos proxectos mineiros da empresa Erimsa, xerándose un importante rexeitamento social por parte dos veciños e veciñas así como por parte das persoas titulares das explotacións da zona, que ven afectada a base territorial das súas explotacións”, recolle.

 

Ademais, denúnciase que "o beneficio sería para a empresa promotora, que ten os seus intereses ben lonxe de Galiza, de maneira que para a comarca e para Galiza, os beneficios desde o punto de vista industrial serían mínimos, sobre todo tendo en conta que somos exportadores netos de enerxía eléctrica, sen que estea xustificado achegar tanto ás vivendas e ás explotacións gandeiras un mecanismo de xeración de enerxía eléctrica que non se precisa para a zona, e que ten tanto impacto nos eidos socioeconómico, territorial e ambiental".

 

A veciñanza da comarca tamén está a recoller sinaturas contra a instalación de máis parques eólicos.