A planta de biomasa de Teixeiro, un proxecto "millonario e ineficiente"

Planta de biomasa de Greenalia en Teixeiro (Curtis), operativa desde o pasado ano (Foto: Salva la Selva).
O Banco Europeo de Investimentos (BEI) concedeu un crédito de 60 millóns de euros á planta de biomasa de Greenalia en Curtis —xa operativa—, cuxa eficiencia enerxética e cumprimento da normativa europea pon en cuestión un informe da asociación ecoloxista Salva la Selva ao que tivo acceso 'Nós Diario'.

En marzo de 2020 comezou operar no polígono industrial de Teixeiro —Curtis— a planta de xeración de enerxía eléctrica a partir da queima de residuos forestais promovida por Greenalia SA. En 2018, o Banco Europeo de Investimentos (BEI) outorgou ao proxecto un financiamento de 60 millóns de euros —o custo total ascendeu a 135 millóns—.

Con todo, un informe da asociación ecoloxista internacional Salva la Selva, ao que tivo acceso Nós Diario, cuestiona a concesión destes fondos alegando que a planta non cumpre os requirimentos.

Segundo a decisión de execución da Comisión europea de 31 de xullo de 2017 sobre a Directiva 2010/75/UE, que regula as grandes instalacións de combustión, unha planta de biomasa de nova construción —como é o caso da de Curtis— debe ter unha eficiencia enerxética neta dun mínimo de 33,5% —ou 32% no caso de empregar materias primas moi húmidas—. Este indicador reflicte a porcentaxe de enerxía que é transferida á rede eléctrica descontando os gastos enerxéticos da propia produción e a calor que escapa sen ser convertida en enerxía.

A planta de Greenalia, tal e como figura na documentación achegada pola empresa, ten unha eficiencia enerxética neta de 28%. "Non hai evidencias de que o BEI examinase o cumprimento da eficiencia mínima derivada da Directiva europea, nin tampouco de que teña comprobado en modo algún as cifras subministradas", sostén o informe de Salva la Selva, que xunto a diversos colectivos ambientalistas do país alegou no seu momento contra este proxecto.

Monocultivos de eucalipto

O BEI xustificou o financiamento desta planta alegando que supuña "un beneficio adicional en forma de prevención de incendios forestais". Malia que no seu proxecto Greenalia asegurou que unicamente queimaría residuos forestais, Salva la Selva puido constatar que a empresa utiliza madeira "claramente procedente de árbores de idades mixtas", algunhas delas cun diámetro de até un metro de largo.

"A demanda de residuos da corta xa é elevada. Hai dúas fábricas pasteiras de Ence, unha na Galiza e outra en Asturies que contan con cadansúa planta de coxeración de biomasa; aliás, existen catro fábricas de pellets na contorna, e Greenalia opera unha fabrica de achas de madeira, polo que ten dúas opcións: ou ben ten que aumentar a remoción de residuos forestais por riba do posíbel, ou queima troncos triturados. Ambas as dúas son malas e poderían combinarse", lamenta.

Cómpre lembrar que eliminar demasiados residuos das cortas pode provocar danos sobre os solos, os recursos hídricos e o futuro crecemento das árbores. Greenalia, por outra banda, manexa grandes monocultivos de eucalipto e piñeiro no país —perto de 6.700 hectáreas—, cuxa madeira "págase a prezos irrisorios e pode alentar os incendios".

Emisións á atmosfera

Así as cousas, o BEI, "que ignorou calquera advertencia das ONG", tamén tería pasado por alto o incumprimento da Directiva europea de Emisións Industriais. "Segundo o documento de autorización publicado —e aprobado pola Xunta—, Greenalia está autorizada a emitir niveis de óxido de nitróxeno, pequenas partículas e dióxido de xofre significativamente superiores aos que permite a lexislación da Unión Europea", indican desde Salva la Selva.

Tamén Ecoloxistas en Acción deixou constancia deste aspecto no seu recente Informe sobre a Calidade do Aire, un documento no que se fai alusión ás emisións procedente da planta de biomasa.

"Non hai forma de coñecer o dano exacto, xa que sería preciso instalar medidores nas propias chemineas para controlar o que sae delas. Coa escusa de combater os lumes están a aproveitar o excedente de eucalipto para seguir pivotando a economía do rural sobre as mesmas patas que xa crebaron hai anos. Cómpre buscarmos novas fórmulas para revitalizar estes concellos alén de empresas cuxa rendibilidade depende, precisamente, do abandono rural", incide o seu portavoz, Alberto Riveiro.

Unha polémica aprobación con Beatriz Mato á fronte de Medio Ambiente

Apenas uns meses antes de se aprobar definitivamente o proxecto desta planta de biomasa, como xa informara o pasado maio Nós Diario, a Xunta derrogou o decreto 149/2008, que estabelecía unha potencia máxima de 10 MW para as infraestruturas destas características. Aliás, no caso de exceder os 50 MW, debería ter sido tramitada a través do Estado, mais a empresa bordeou este limiar durante a tramitación: 49,913 MW —malia que na documentación presentada ante a Unión Europea figura unha potencia de 50 MW—.

Por outra banda, a Consellaría de Medio Ambiente, con Beatriz Mato á fronte —hoxe conselleira de Greenalia— rexeitou as alegacións dos colectivos ecoloxistas e someteu o proxecto a unha avaliación ambiental simplificada, concluíndo que non supuña riscos para o medio que cumpriría mitigar.