Fin aos coches de combustión na UE en 2035

O paquete normativo chámase "En forma para o 55" (Fit For 55), en referencia ao compromiso da UE de reducir en 2030 as emisións equivalentes de CO2 polo menos en 55% con respecto a 1990 como paso intermedio cara a neutralidade en 2050.
2018_pollution_emissions_smog_air_unsplash-photos
photo_camera A UE está inmersa nunha transformación enerxética desde o Acordo de París de 2015 (Foto: Unsplash)

A Comisión Europea presentou onte a folla de ruta lexislativa de cara a lograr a neutralidade de carbono na UE (non liberar máis dióxido de carbono do que o territorio comunitario pode absorber) para metade deste século.

"A emisión de CO2 debe de ter un prezo", declarou a presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen, na presentación de 13 iniciativas lexislativas con accións concretas no transporte, a enerxía, o mercado de emisións de carbono ou a biodiversidade.

O paquete normativo chámase "En forma para o 55" (Fit For 55), en referencia ao compromiso da UE de reducir en 2030 as emisións equivalentes de CO2 polo menos en 55% con respecto a 1990 como paso intermedio cara a neutralidade en 2050.

A UE está inmersa nunha transformación enerxética desde o Acordo de París de 2015 para que as temperaturas a final de século suban menos de dous graos con respecto aos niveis preindustriais. O Fit For 55 dálle forma lexislativa. Con todo, as propostas terán que ser negociadas cos Estados membros, representados no Consello, e co Parlamento Europeo.

Fondos de recuperación

Bruxelas advertiu de que será unha transición profunda e dura con grandes mudanzas estruturais en moi pouco tempo, mais cre que xerará máis e mellores oportunidades. A transformación enerxética e a dixitalización son as dúas constantes ligadas aos fondos de recuperación. 

Entre outras medidas, Bruxelas quere que o prezo do CO2 se encareza progresivamente, eliminar os permisos de emisión en dez anos, mantendo dentro do sistema a aviación doméstica e incluíndo os barcos.

Tamén, pretende elevar progresivamente a exixencia ambiental a coches e furgonetas para que en 2035 só se vendan motores non contaminantes. E quere ademais incentivar o despregue masivo de puntos de carga para dar un pulo definitivo ao vehículo eléctrico. 

Comentarios