As "delegacións" do protocolo

A Consellaría de Educación propón comezar as aulas o 10 de setembro (Imaxe: Jesús Hellín / Europa Press)
As pautas deseñadas pola Consellaría de Educación para o inicio do curso escolar obrigan os centros a asumir as medidas específicas de adaptación á pandemia e de continxencia, para aplicar a teledocencia no caso de que haxa un novo confinamento.

Entre as críticas ás pautas definidas desde a Xunta para adaptar as dinámicas do novo curso ás prevencións que impón a Covid-19 destaca a "delegación" de responsabilidades na que, segundo os sindicatos docentes e as ANPA, incorre a Consellaría, e que fai recaer nos centros, nos equipos directivos e no profesorado a organización real do curso e a súa adaptación ao novo contexto sen apenas marxe de tempo.

Os centros

O protocolo estabelece que cada centro deberá formar un "equipo Covid", no que estará representada a dirección e dous membros do profesorado. Entre as súas funcións, ademais de ser o enlace coa Administración educativa e sanitaria, está a elaboración do plan de adaptación do centro á nova situación, onde se definirán as medidas individualizadas, e no que se inclúe un protocolo especial de limpeza e desinfección adaptado a cada centro, cos horarios e o resto de tarefas a desenvolver polo persoal.

Estes equipos estarán encargados, ademais, de "asegurar que a información sobre os protocolos de actuación e as medidas de prevención, hixiene e promoción da saúde implantadas nos centros chegan e son comprendidas por toda a comunidade educativa", de deseñar actividades e de desenvolver "iniciativas innovadoras" para promover estas cuestións. 

Tamén ten entre as súas competencias inventariar e distribuír o material de hixiene –máscaras, xel hidroalcólico...– que deberá empregarse nos colexios e institutos, en colaboración coa secretaría dos centros, así como certificar os consumos que se producen.

Máis alá destas atribucións, os centros deberán asumir a adquisición e distribución do material hixiénico –agás un aprovisionamento inicial de elementos de sinalización e máscaras de protección que correrá a cargo da Xunta–, de sinalización e de limpeza con cargo ao seu propio orzamento, e serán responsábeis de informar a comunidade educativa de todas as medidas de prevención e protección. 

A elaboración do plan de continxencia coas medidas a desenvolver no caso de que sexa necesaria a suspensión da actividade lectiva, para facer efectivo o ensino a distancia, tamén corresponde, segundo as directrices da Xunta, aos propios centros.

O persoal docente

Ao seu labor ordinario e de titoría, o profesorado deberá sumar a formación en prevención, a atención ao alumnado fóra da aula e a autoformación para unha eventual necesidade de implantación da teledocencia. 

O documento de adaptación do inicio do curso á Covid-19 fixa que o persoal docente dedicará os primeiros minutos das súas clases a lembrar os protocolos de hixiene. Xunto coas súas funcións dentro da aula, as docentes estarán encargadas –por delegación das direccións– de ordenar a entrada e saída do centro e de clase para evitar a formación de aglomeracións, e deberá "velar pola orde dos movementos e fluxos do alumnado" arredor dos recreos

Dado que o protocolo permite a flexibilización, tanto de entrada e saída, como das horas de recreo para reducir as concentracións de persoas –organización que tamén se deriva nos "equipos Covid"– o profesorado adaptará os seus horarios. 

Durante os recreos, tamén terá que vixiar os aseos, para controlar a capacidade e garantir que se cumpre a distancia de seguridade nas ringleiras, e, na última hora da xornada, "velará" por que o alumnado deixe recollido o seu material e desinfectado o seu posto.

Tanto o persoal docente e non docente como os e as estudantes serán responsábeis, ademais, de autoavaliarse a diario para detectar posíbeis síntomas da Covid-19, de cara a poñer en marcha os protocolos sanitarios e de illamento. Para o profesorado "vulnerábel" á enfermidade –por outras patoloxías, embarazo ou outras circunstancias– a Xunta pauta que deberá incorporarse á aula, en espera de que os servizos de prevención determinen a súa dispensa. 

As familias

No caso das familias, as súas queixas comezan polo papel que a Consellaría lles deu á hora de elaborar o seu protocolo: ningún, segundo censuran desde a Confederación de Anpas Galegas e Confapa, que reclaman "estar presentes na organización da volta ás aulas".

As dúas plataformas coinciden tamén á hora de criticar a falta de uniformidade que terá a administración e xestión do curso e das dificultades que poida engadir o coronavirus, derivadas da delegación de competencias da Xunta nos centros.