Estes son os cinco posíbeis escenarios ante a escaseza de auga no verán

O documento prevé tamén unha situación "excepcional por seca extraordinaria" nos casos de escaseza de auga máis extremos. (Foto: Nós Diario)
A Xunta publica o plan de seca da Demarcación Hidrográfica Galiza-Costa 2021-2027, que estabelece cinco niveis de actuación ante a seca prolongada e a escaseza conxuntural de auga.
  1. Cinco posíbeis escenarios ante a escaseza
  2. Participación e coordinación

A Xunta publicou esta sexta feira no Diario Oficial da Galiza (DOG) o novo plan de seca da Demarcación Hidrográfica Galiza-Costa 2021-2027, que actualiza o existente, do ano 2013, para adaptalo ao contexto de cambio climático, entre outras novidades que incorpora.

Trátase, segundo informa o Goberno galego, de "reforzar a anticipación e a resposta coordinada" ante estes eventos de escaseza dos recursos hídricos co obxectivo de "garantir o abastecemento de auga" á poboación. Augas da Galiza, entidade hidráulica da Xunta dependente da Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade, deu así publicidade ao acordo do Consello da Xunta decorrido o pasado 2 de xuño.

A Demarcación Galiza-Costa, competencia do Executivo de Alfonso Rueda, rexistra unha precipitación media anual de 1.500 milímetros, un valor moi elevado en relación co resto da Península. Con todo, acaba sufrindo episodios de escaseza de auga pola desigualdade da distribución temporal dos recursos hídricos e o contexto do cambio climático.

Este novo plan "permite ordenar a resposta ante estes eventos dando ás administraicións instrumentos xurídicos para facerlles fronte", xunto cunha "profunda actualización para mellorar a súa eficacia e afrontar os retos futuros".

Cinco posíbeis escenarios ante a escaseza

O documento propón unha xestión diferenciada das situacións de seca prolongada e de escaseza conxuntural. A primeira está relacionada coa diminución das choivas e as achegas naturais, mentres que a conxuntural fai alusión aos problemas para atender a demanda de auga.

En relación coa escaseza conxuntural, o plan estabelece os escenarios de normalidade, prealerta, alerta e emerxencia, máis outro de emerxencia extraordinaria.

Normalidade

En situación de normalidade, non corresponde a adopción de medidas específicas, mais si de seguimento, instalación de novos puntos de control e elaboracións de partes hidrolóxicos, entre outras.

Prealerta

O estado de prealerta identifica un inicio da diminución dos recursos dispoñíbeis que pode supor un risco para a atención das demandas, e poderanse aplicar medidas de aforro e control da demanda, tales como a intensificación do seguimento e a activación de campañas de concienciación.

Aliás, actívase o control das demandas reais dos grandes consumidores e medidas de xestión da oferta, como a reutilización de augas residuais para usos urbanos e a aplicación dun réxime de caudais ecolóxicos menos esixentes. Tamén se proxecta a preservación dos ecosistemas, intensificando o control de verteduras e do estado das masas de auga.

Alerta

O estado de alerta actívase ao intensificarse a diminución dos recursos dispoñíbeis cun claro risco de imposibilidade de atender as demandas. Neste escenario, reduciranse as dotacións para o abastecemento en alta e poderanse suspender preventivamente as concesións de novos usos privativos e limitar determinados usos recreativos, entre outras cuestións.

En relación coa oferta da auga, a alerta prevé mudar os caudais concesionais por outros de distinta orixe e utilizar medios excepcionais como cisternas. A isto engádese a valoración de posibilidade de evacuación da fauna acuática ante risco de mortalidade.

Estado de emerxencia

Finalmente, o estado de emerxencia correspóndese co máximo grao de diminución de recursos. As medidas neste caso poden incorporar a modificación e mesmo a suspensión temporal de autorizacións de vertedura, a prohibición de usos, unha redución de volume para abastecemento urbano e industrial de 25%, cortes temporais, adaptación da saída dos encoros e aumento da vixilancia.

Situación excepcional por seca extraordinaria

Como novidade, o plan 2021-2027 prevé a situación "excepcional por seca extraordinaria", que poderá ocorrer cando unha ou varias unidades territoriais rexistren escaseza en escenarios de alerta que coincidan temporalmente co de seca prolongada e escaseza en escenarios de emerxencia.

Participación e coordinación

O plan atravesou un proceso de consulta pública durante tres meses no que Augas da Galiza recompilou as suxestións correspondentes. Así, segundo cifras da Xunta, 60% das achegas foron total ou parcialmente incorporadas ao documento definitivo.

Malia que a elaboración e seguimento do protocolo é responsabilidade deste organismo dependente do Goberno galego, a súa posta en práctica require da intervención e coordinación de Meteogaliza, Protección Civil, dos responsábeis da explotación dos encoros de Galiza-Costa e das administracións responsábeis dos sistemas de abastecemento.

Neste senso, a Xunta advirte da importancia de que o proceso de planificación fronte á seca sexa complementado e coordinado cos plans de carácter municipal —obrigatorios en concellos de máis de 20.000 habitantes—, que son a principal institución que xestiona o abastecemento.