O plan Revitaliza de xestión de residuos chegará a Madrid, Cáceres e Iruña

48 concellos teñen como obxectivo “aplicar a compostaxe como xestión do lixo co fin de cumprir as esixencias europeas e autonómicas de reciclaxe”. (Foto: Nós Diario)
A xefa da sección de residuos, María Martínez Abraldes, participará en charlas en Madrid, Cáceres e Iruña.

O programa de xestión de residuos da Deputación de Pontevedra, o Revitaliza, chegará a Madrid, Cáceres e Iruña no vindeiro mes.

A xefa da sección provincial de residuos, María Martínez Abraldes, participará en charlas organizadas polo Concello de Madrid, a asociación Economías bioRegionales, a Deputación estremeña e a Mancomunidade pamplonesa.

Falará do traballo que se fai desde a Deputación pontevedresa en compostaxe descentralizada (comunitaria e individual), da “importancia” do persoal técnico (as mestras e mestres compostadores) e da iniciativa para pór en marcha plantas de agrocompostaxe, que ten agora en marcha a entidade provincial.

Así, a experiencia da Deputación de Pontevedra, considerada “un caso de éxito”, será exemplo para despois adaptar iniciativas nos territorios.

Quilómetro cero, a clave

Na súa exposición, Abraldes explicará o Plan Revitaliza da Deputación implica 48 concellos que teñen como obxectivo “aplicar a compostaxe como xestión do lixo co fin de cumprir as esixencias europeas e autonómicas de reciclaxe”.

O Revitaliza, lembrou, baseouse fundamentalmente no peso que ten o orgánico na bolsa do lixo urbana (supón o 53%, unha cifra maior que noutras localidades), na existencia de puntos de xeración de residuos moi dispersos, así como na presenza maioritaria de vivendas unifamiliares nas que é posíbel facer o tratamento do orgánico ‘in situ’, a quilómetro cero.

Argumentou que o lixo orgánico dos 900.000 habitantes da provincia practicamente se pode xestionar en case tres partes iguais mediante composteiros individuais, comunitarios e plantas comarcais.