Covid: O comité clínico incorpora o concello de Rianxo ao nivel máximo de restricións

Deceas de persoas baixo o alumeado de Nadal de Vigo. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
A Consellaría de Sanidade comunicou que quedan fóra das limitacións de mobilidade en seis municipios, ningún deles unha das grandes cidades. Ademais, se estabelecerá un especial control a 11 localidades.

O concello de Rianxo incorpórase ao nivel máximo de restricións polo número de contaxios da Covid-19 mentres que as localidades de Muxía, Ribadumia, Meis, Vilaboa, Pontecaldelas e Cerdedo-Cotobade recuperan a mobilidade total ao quedar no nivel básico de prohibicións pola melloría da situación. A Xunta comunicouno após unha nova xuntanza coas expertas e expertos do comité clínico que fai o asesoramento respecto á evolución da pandemia.

Á marxe das medidas xa anunciadas hai uns días para o Nadal -segundo as cales o Goberno galego estabeleceu o límite de participantes nos encontros das festas en seis e tamén aclarou que as e os usuarios das residencias só poderán saír unha vez dos centros-, as decisións tomadas hoxe tamén inclúen a baixada de Moaña ao nivel medio de limitacións e dos municipios de Vilalba, Ponteareas e Tui ao medio alto.

A Xunta tamén decidiu atender ás consideracións do comité en canto á necesidade de incrementar o control en Aranga, Porto do Son, Noia, Vilagarcía de Arousa, Viveiro, Burela, Dozón, Vedra, Muros, Xinzo de Limia e Verín.

O paquete de medidas será publicado mañá no Diario Oficial da Galiza (DOG) e entrará en vigor ás 00.00 da cuarta feira. Porén, a pesar da previsión de que A Coruña e a súa área metropolitana quedaría sen fechamento, non transcendeu esa decisión.

Respecto ás declaracións do vicepresidente Alfonso Rueda sobre a posibilidade de que se solicitase un documento para obviar os feches perimetrais de determinadas zonas desde a cuarta feira día 23 aínda non transcenderon novidades.

Probas e vacinas, como estaba previsto

Esta estratexia é a escollida case unha semana despois de que se impuxese a recuperación do fechamento perimetral de Compostela e a inclusión dos concellos de Ribeira, Baiona e Bueu no máximo nivel de restricións.

O encontro de traballo, co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo (que non está a gardar corentena a pesar de estar coa conselleira Rosa Quintana, que deu positivo, por ter resultado negativo nunha proba), e os conselleiros de Sanidade e Política Social, Julio García Comesaña e Fabiola García, respectivamente, de xeito presencial, e as especialistas vía telemática, prolongouse durante varias horas debido ás dificultades para tomar decisións que non comprometan a evolución dos contaxios.

De feito, como vén sendo habitual, esta prevista unha comparecencia mañá para dar máis datos sobre os acordos acadados. Aliás seguen en marcha os plans para que as e os estudantes que regresen á casa polo Nadal soliciten as PCR e as previsións para comezar coa campaña de vacinación a semana próxima.

O comité pon a ollada na incidencia

Na xornada da mañá, Feixoo advertira de que as decisións a respecto do Nadal serían adoptadas tras a "análise profunda" dos membros do comité clínico, que, segundo apuntou, está conformado por 35 persoas con expertos sanitarios procedentes de todas as especialidades e de todas as áreas sanitarias.

Na reunión da tarde, expuxo, as decisións adoptaríanse tendo en conta a incidencia a 14 días, mais especialmente tamén nos últimos tres e sete días, pois concretan "os comportamentos das próximas semanas”.