O "plan de choque" para dependencia chega dous anos tarde e cunha situación agravada

A espera na Galiza para dependencia duplica o máximo estabelecido por lei. (Foto: Xunta da Galiza)
Entre o anuncio de Feixoo e o de Rueda aumentaron as listas de espera

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, anunciaba após o Consello da Xunta do pasado 5 de abril o aval a un proxecto de dependencia que "facilitará e simplificará o acceso a servizos e axudas" e que "suprimirá duplicidades" para alén de recortar á metade os tempos de espera.

Tres compromisos que non son novos. Con case as mesmas palabras expresárase hai dous anos, en maio de 2021, o daquela presidente, Alberto Núñez Feixoo, ao anunciar o que cualificara como "plan de choque" para a dependencia: "Vanse suprimir duplicidades", "reduciranse os tempos de espera", anunciaba o mandatario galego.
Hai unha diferenza entre ambas as dúas declaracións nestes dous anos. Cando Feixoo anunciaba o 'plan estrela' de dependencia, o tempo de espera media na Galiza era de 371 días. Cando Rueda daba a coñecer a remisión ao Consello Consultivo dese "plan de choque", a media de días de agarda era de 377, seis máis que en 2021. 
Non foi isto —unha media de agarda que duplica o fixado por lei— o único que non cambiou entre o anuncio de Feixoo e o de Alfonso Rueda. 

Falecementos

Ao aumento do tempo de espera hai que engadir que na Galiza seguen a falecer persoas mentres están na lista de agarda de dependencia. En 2022 foron 357 mentres que dous anos antes, 2021, morreran 395 persoas que xa viran recoñecido o seu dereito a recibir unha prestación. No entanto, aínda non viran efectuados os primeiros pagamentos das axudas. O sistema de dependencia na Galiza recibe o suspenso da Asociación Estatal de Directores e Xerentes de Servizos Sociais na súa análise sobre os modelos de cobertura e xestión da dependencia nas diferentes comunidades. Mentres a media de todos os territorios recibe un aprobado (5,1), a Galiza fica en 4,4, a súa peor nota desde que hai rexistros (2008) agás nos anos 2014 e 2015.

No seu informe de 2022 apuntaba, ademais, temas que consideraba "preocupantes", como que na Galiza había máis de 9.000 persoas cuxas solicitudes para a dependencia foron realizadas mais non rexistradas, o que tivo como consecuencia que non estivesen nas listas, ficando fóra das estatísticas. Son unha de cada catro persoas que están nesta situación no conxunto do Estado, onde o total é de 34.189.

Reducir listas

Tanto Alfonso Rueda como Alberto Núñez Feixoo coincidiran nos seus respectivos anuncios en situar como un dos obxectivos de ambos os plans reducir á "metade" o tempo de espera en materia de dependencia. 

No caso do actual presidente isto supón pasar dos 377 días actuais a 188, unha cifra que, en todo caso, segue por riba do máximo estipulado pola Lei de Dependencia, que estabelece un tope de seis meses, 180 días. O tempo que na Galiza as persoas dependentes e as súas familias teñen que agardar por unha resolución que recoñeza os seus dereitos é superior á media estatal, que é de 360 días.

Suspensión de citas

Esta cuarta feira mesmo, a Xunta suspendeu todas as citas programadas para a valoración do grao de discapacidade, após un "erro" na fixación da data no BOE do que responsabilizou ao Ministerio.

"Non se cobren as baixas nin as vacacións"

Un total de 357 persoas faleceron na Galiza en 2022 esperando pola axuda de dependencia. Isto supón unha media de 30 persoas con dereito pendente de prestación que morren cada mes sen recibir a atención. Ao tempo, aumenta o tempo medio de espera das resolucións, situado en 377 días. Os equipos que se encargan da valoración de dependencia están adscritos á Consellaría de Política Social, son persoal da Administración galega. Fontes do persoal transmitiron a Nós Diario que "non se cobren as baixas, nin vacacións nin outro permisos. Non se cobren as vacantes". Hai, así pois, unha necesidade de reforzo do persoal ao que suman que cómpre "modificar o modelo de valoración" xa que o exceso de burocracia reverte en longas espera de valoración da dependencia.