Sen autorización xudicial

As familias do 'Pitanxo' urxen o regreso do buque que investigará os restos

Familiares das vítimas do 'Vila de Pitanxo' ante a Subdelegación do goberno estatal en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
A portavoz das vítimas que esta quinta feira volveron manifestarse diante da Subdelegación do Goberno estatal en Pontevedra, María José de Pazo, é especialmente crítica coa xestión do Ministerio no que atinxe ao operativo de busca de posíbeis indicios que axuden a reconstruír o naufraxio do barco en febreiro de 2022. A partida do buque 'Ártabro' sen autorización xudicial pode invalidar as probas e estragar todo o proceso, lamenta De Pazo: "Estamos case peor que cando nos deron a noticia do naufraxio".

Familiares dos 21 falecidos no naufraxio do Vila de Pitanxo concentráronse esta quinta feira ás portas da Subdelegación do Goberno do Estado en Pontevedra para cuestionar a partida do buque Ártabro rumbo a Terranova sen autorización da Audiencia Nacional, encargada de investigar o sinistro e responsábel da expedición para buscar os restos do pesqueiro. O barco da compañía ACSM abandonou o porto de Vigo na tarde da pasada cuarta feira co único permiso do Ministerio de Transportes, quen contratou o servizo. A bordo viaxan un perito xudicial nomeado pola Audiencia, outro da Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (Ciaim), dependente do Ministerio, e un terceiro da Axencia Europea de Seguridade Marítima como observador, sen que se coñezan os peritos de parte que debían ir a bordo, cuxa designación lle corresponde á Audiencia Nacional.

As familias temen que a marcha do Ártabro sen autorización xudicial invalide as probas que poida recoller no lugar do sinistro, esenciais, din, para aclarar o ocorrido. Por iso piden que volva. O avogado das familias presentará un novo escrito ao xuíz para que determine se a expedición é válida e se se axusta ás directrices da investigación xudicial, xa que entenden que esta situación crea "indefensión" no proceso aberto.

"Nós, máis que ninguén, queremos que saia ese barco, pero ten que ser cumprindo todas as garantías para que daquela ninguén poña en cuestión a validez desta proba", incidiu a portavoz das familias das vítimas, María José de Pazo. Na súa intervención lembrou tamén que a pasada terza feira o delegado do Goberno estatal, José Ramón Gómez Besteiro, prometeu unha "colaboración directa" cos afectados: "Pero volvín chamar á Delegación para preguntar cando nos pode recibir, e están os familiares de testemuña... Que fixeron? Colgarnos o teléfono".

Esta cuarta feira, asegurou, foi "un día triste, negro e demoledor", non só para as familias, senón para "estes 21 [falecidos no sinistro] que non teñen voz". "Nós iniciamos toda esta procura da verdade por eles, para que se aclare todo o que pasou, para saber a verdade", manifestou. "A xente felicítanos e nós estamos desfeitos. Que non nos dean máis os parabéns, que estamos case peor que cando nos deron a noticia do naufraxio", agregou, para lembrar que "hai indicios de 21 homicidios imprudentes" e que "non se pode andar xogando así coa validez dunha proba".

"Queremos que se diga a verdade", insistiu a portavoz, para lembrar que "este operativo é grazas a que a Unión Europea amoestou o Goberno de España e tamén o xuíz, o maxistrado Moreno", polo que entende que, pasados 15 meses do tráxico naufraxio, "isto é unha falta de respecto" para as vítimas. "Por que se estraga así todo o traballo?", preguntouse De Pazo, que tamén engadiu: "Por que se tiran 3 millóns de euros de todos os contribuíntes? Que é diñeiro de todos, que non o pon Pedro Sánchez, é diñeiro de todos os que pagamos os impostos".

O BNG exixe unha "rectificación urxente"

Ao fío desta cuestión, o BNG reclama ao Ministerio de Transportes "unha rectificación urxente para non estragar todo". O deputado Néstor Rego exíxelle "atender os requirimentos da Audiencia Nacional sobre os protocolos e o persoal que debe ir a bordo do buque encargado de baixar ao pecio".

"O Ministerio, desouvindo oito requirimentos da Audiencia Nacional, ordenou ao buque Ártabro partir sen que estivesen a bordo todos os peritos xudiciais, incluíndo os peritos de parte como o que designan as familias", denunciou o deputado nacionalista no Congreso. Esta decisión, engadiu Rego, pode pór en risco a validez das probas que poidan ser empregadas no procedemento xudicial, "fundamental para esclarecer as causas e facer xustiza", concluíu.