Piden a paralización da actividade na UCI de Compostela tras detectarse "un risco importante na exposición á Covid"

Entrada da UCI no clínico. O persoal ten que deixar as súas máscaras en bolsas penduradas da parede (Foto: Asociación de Pacientes do CHUS)

A CIG-Saúde vén de presentar unha denuncia ante a Inspección de Traballo para que requira á Xerencia da área sanitaria de Compostela-Barbanza o cumprimento da normativa de prevención. O sindicato pide a paralización inmediata na UCI de persoas adultas do CHUS “mentres non se garanta a seguridade de profesionais e doentes”.

“A nefasta xestión e a falta de actuación da Xerencia da área sanitaria de Santiago-Barbanza para resolver as problemáticas que afectan á UCI de Adultos do Hospital Clínico levan a CIG-Saúde de Compostela a ter que presentar denuncia na Inspección de Traballo solicitando a paralización inmediata da actividade nesta unidade mentres non se garanta a seguridade de profesionais e doentes”. Así o advirte o sindicato nunha nota enviada aos medios.

A denuncia ten lugar despois de que na avaliación realizada a principios de decembro se detectase na UCI de persoas adultas “un risco importante na exposición á Covid-19”, o que, segundo os protocolos, obriga a Xerencia a realizar unha planificación preventiva e adoptar de maneira inmediata unha serie de medidas para controlar e reducir estes ricos.

Pon a CIG como exemplos “contar con box fechados individuais cunhas dimensións adecuadas para a atención a doentes críticos; prever as necesidades de equipamento; adecuar o número de box á presión asistencial; ou dotarse dos medios humanos e materiais que sexan precisos”.

As deficiencias seguen sen corrixirse

Neste momento, malia o “contundente resultado da avaliación de riscos”, malia que as traballadoras e traballadores da UCI levan nove semanas en folga para esixiren unhas condicións dignas e malia os surtos que se están producindo, “a realidade é que a Xerencia continúa sen corrixir as deficiencias e sen aplicar as medidas preventivas para minimizar as posibilidades de contaxio e protexer a saúde do persoal sanitario e dos doentes”.

A CIG pon de manifesto que “chegar ao punto de ter que solicitar a paralización da actividade na UCI-A (unidade de referencia para as persoas enfermas de Covid-19) polo riscos que existen é unha mostra máis da ineptitude desta Xerencia, da súa irresponsabilidade e da súa absoluta desidia á hora de implementar as medidas necesarias”.

Os sindicatos levan meses reclamando que se acometan as reformas comprometidas para resolver as deficiencias estruturais da unidade e demandando medidas organizativas e preventivas que permitan traballar e recibir atención sanitaria en condicións de seguridade. “Até o momento non se fixo nin unha soa actuación neste sentido”, advirte o sindicato nacionalista.

Material deteriorado sen arranxar

O desleixo é tal, acrecenta a CIG, que a Xerencia “nin sequera atende as reivindicacións para a renovación do material deteriorado ou en mal estado nin as referidas á falta de material funxíbel para os distintos aparellos”.

“Resulta inconcibíbel que, no medio dunha pandemia mundial, haxa que acudir á Inspección de Traballo para pedir a paralización da actividade desta UCI”, conclúe o sindicato.

Na última semana, a Xerencia volveu saír ao paso das protestas que realizan as traballadoras e traballadores da UCI e asegurou que as obras non puideron acometerse o ano pasado "porque ningunha das empresas consultadas daba un prazo inferior a cinco meses para rematalas".