Piden a dimisión das xerencias sanitarias de Pontevedra e Ourense

Protesta de membros de cada sindicato diante do Hospital Provincial de Pontevedra (Foto: Nós Diario)
Os sindicatos denuncian falta de diálogo, de persoal e de medios para traballar con pandemia da Covid-19 presente nos hospitais e centros de saúde.

As xerencias das áreas sanitarias de Pontevedra-O Salnés e Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras están a ser cuestionadas polo conxunto das organizacións  sindicais, que pediron a súa dimisión como consecuencia do tratamento que fan de medios e de persoal nos seus centros.

En Pontevedra tivo lugar hoxe unha mobilización ás portas do Hospital Provincial na que participaron representantes dos sindicatos da Xunta de Persoal do Complexo Hospitalario da cidade (CIG, UXT, Omega, CSIF, CCOO,  TSP e  Satse) coa que reclamaron a saída da Xerencia, da Dirección Asistencial, de Recursos Humanos, de Enfermaría e de Xestión pola "falta de información" sobre o tratamento da pandemia nas súas instalacións e, ademais, denunciaron a falta de medidas de protección e de recursos humanos en todas as categorías profesionais.

"Desde o inicio da emerxencia sanitaria non fan caso das nosas propostas", sinala Ramón Otero, delegado da CIG. Tiñan axendada unha comisión do persoal que foi suspendida a última hora e sen data para a súa realización. "A situación vai a peor co incremento de casos positivos no cadro de persoal e hai un déficit de traballadoras e traballadores que xa vén de políticas pasadas", asegura a Nós Diario.

Coincidindo coa protesta, a Inspección de Traballo visitou as instalacións para comprobar algunhas das denuncias realizadas polas organizacións sindicais. "Pedimos que se lles fagan probas PCR aos doentes que ingresan para evitar os casos que houbo de positivos en zonas limpas", explica a Nós Diario Emma Rodríguez, delegada de Satse, "tampouco recibimos as máscaras axeitadas e aínda por riba temos que escoitar que nos contaxiamos na nosa casa", critica.    

Denuncian en Ourense “improvisación” na área 

As delegadas do Sindicato das e dos profesionais da Sanidade Pública Galega (Prosagap) solicitaron esta quinta feira o cesamento inmediato da xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, "pola súa continua improvisación na xestión desta segunda onda da pandemia".

Alertan nun comunicado que "non se adecuaron os espazos suficientes para a atención dos pacientes críticos, o que obrigou a derivalos a outras áreas sanitarias". Denuncian que non se garanten vacacións nin descansos nas Unidades de Críticos e que a "contratación de persoal continúa a ser precaria, con renovacións mensuais, no mellor dos casos, e sen garantir os permisos sen soldo por conciliación familiar".

Critican que desde a xerencia se negan a dotar de máscaras FFP2 a todo o persoal, "a pesar da transmisión recoñecida por aerosois do virus, existindo moitas estancias onde non é posíbel unha axeitada ventilación ou renovación de aire cando se exploran as e os doentes". 

Por último denuncian que a xerencia desta área sanitaria, dirixida por Félix Ruibal, contempla "fechamentos temporais das salas de descanso do persoal para evitar contaxios entre profesionais, en lugar de adecualas á  actual normativa de distancia interpersoal" e no seu comite de asesoramento "non se conta co colectivo maioritario que é o das profesionais de enfermaría".