Piden destinar a praza de touros de Pontevedra para uso sanitario ou social

Galiza, Mellor Sen Touradas reclama implantar esta medida e propón asumir as instalacións para o patrimonio cidadán tras a corentena.

Os Gobernos locais de Lima e Acho, en Perú, están a empregar os recintos taurinos como albergues temporais para as persoas sen fogar, instalando cuartos en grandes carpas distribuídas pola area. En Pontevedra, a plataforma Galiza, Mellor Sen Touradas, vén de propoñer un uso similar para a praza de touros "para empregala como parte do equipo de loita contra a COVID-19 e a crise sanitaria".

Nos municipios peruanos, baixo o lema "A praza de todos" proporciónase abrigo a ducias de persoas que viven na rúa, moitas das cales teñen problemas asociados co abuso de alcol e outras drogas.

 Na cidade do Lérez, a plataforma defende unha medida similar "atendendo a razóns de interese xeral e a necesidade da comarca de grandes recintos capaces de albergar a creación de hospitais de campaña ou refuxios", seguindo o exemplo do Ifevi ou Expocoruña.

O emprego das instalacións, segundo Galiza, Mellor Sen Touradas, "podería culminar coa asunción para o patrimonio cidadán" do espazo, así como a súa transformación "para múltiples actividades, desde equipamento comercial até sanitario".