Piden a paralización dun proxecto de parque eólico en Ponteceso

Imaxe do parque eólico de Monte Tourado, en Vimianzo .(Europa Press)

Veciñanza de Corme-Aldea, en Ponteceso, estase a organizar para presentar alegacións ao proxecto do parque eólico Salgueiras, previsto para este municipio. As afectadas reclaman a suspensión provisional da tramitación en tanto non se actualice a súa declaración de impacto ambiental, do ano 2016. 

As veciñas e veciños ven na publicación da declaración de impacto ambiental –incluída no DOG do 27 de febreiro– unha "reactivación" da tramitación por parte da empresa promotora, Norvento SL, e alertan de que este novo parque eólico  tería "incidencia directa en lugares de especial significación cultural, paisaxística e ambiental, como son Monte Branco ou o Esteiro do Anllóns. Como tamén advirten, a promoción eólica tería unha afectación directa a poboacións como Guxín, Gondomil, Froxán, Corme-Aldea, a aldea do Couto ou Corme-Porto, ademais doutras  que se atopan ubicadas na ría de Corme-Laxe.

Segundo destacan, o impacto deste parque desde o punto de vista da sustentabilidade social e medioambiental  resulta "moi preocupante", dado que a área onde se prevé implantar os aeroxeneradores atópase na proximidade de zonas de especial conservación a nivel ambiental e paisaxístico, como son a Zona de Especial Conservación (ZEC), Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) e Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA).

Sobre a declaración de impacto ambiental, datada en 2016 pero publicada hai poucas semanas, o grupo promotor da mobilización cívica considera que esta debe ser actualizada, debido aos cambios normativos dos últimos anos, entre os que destaca os relativos á  Lei de patrimonio natural e da biodiversidade da Galiza, do ano 2019 ou o decreto polo que se aproba o Catálogo das Paisaxes da Galiza, de 2016.