Piden 4 anos de cárcere para un acusado de guindar lastras durante unha protesta en Vigo contra un mitin de Vox

Imaxe da protesta contra o mitin de Vox en Vigo
Antidisturbios cargaron contra as persoas que protestaban fronte ao mitin de Vox no Auditorio Beiramar en outubro de 2019 e detiveran unha persoa.

A Fiscalía pide catro anos e medio de prisión para un acusado dun delito de “atentado”, por lanzar lastras a axentes da Policía española durante un protesta que tivo lugar en Vigo con motivo dun mitin de Vox, e que será xulgado esta cuarta feira na Audiencia Provincial de Pontevedra.

Segundo o escrito de acusación pública, o procesado formaba parte dun " tumulto" dunhas 300 persoas que se concentraron na tarde noite do 24 de outubro de 2019 nas inmediacións do Auditorio Mar de Vigo.

Tratábase dunha concentración non comunicada á Subdelegación do Goberno español, convocada para protestar pola presenza na cidade de Santiago Abascal e outros cargos de  Vox, que participaron nun mitin de precampaña con motivo das eleccións estatais de novembro de 2019.

A Fiscalía sinala no seu escrito que o acusado se atopaba nesa concentración e que,"cando a Policía pediu aos participantes na mesma que se dispersasen para restablecer o tráfico na Avenida de  Beiramar (que cortaran), el lanzou un valo aos axentes, sen chegar a alcanzalos, mostrando un "evidente desprezo polo principio de autoridade".

A continuación lanzou unha lastra que golpeou un axente nun pé e, logo outro, que alcanzou outro policía nunha man, aínda que sen ocasionar lesións graves a ningún dos dous. O home foi interceptado e na súa detención resultou con lesións leves que requeriron “asistencia facultativa".

Antidisturbios cargaron contra as persoas que protestaban fronte ao mitin de Vox no Auditorio Beiramar.

A Fiscalía tamén reclama que se lle impoñan multas que suman 1.800 euros, e que indemnice a cada un dos axentes feridos en 224 euros.