Piden 18 meses de cárcere para cinco sindicalistas por un delito de desordes

[Imaxe: Xabicas]
Catro militantes da CIG e un da CUT enfróntanse a tal petición de pena realizada pola Fiscalía en relación a uns feitos acontecidos na greve do 27 de xaneiro de 2011. O xuízo, que se prolongou durante dúas horas, ficou marcado polas "contradicións" da policía


Esta segunda feira quedou visto para sentenza o xuízo en que cinco sindicalistas, catro militantes da CIG e un da CUT, se enfrontan a unha pena que a fiscalía eleva até os 18 meses de prisión para cada un deles por uns feitos acontecidos na madrugada do 27 de xaneiro de 2011, co gallo da folga xeral convocada na Galiza, Euskal Herria e Catalunya.

Ao entender da acusación, tales acontecementos constitúen un delito de desordes e outro contra a seguridade vial. Porén, a defensa pediu a libre absolución para os cinco ao considerar que non existe cargo de proba suficiente e acrecentou que, de seren culpábeis, seríano en todo caso dunha falta administrativa, mais non de delito ningún, ao non por en perigo as persoas que circulaban pola vía.

Así as cousas, os sindicalistas sentaron no banco d@s acusad@s na sala do Penal nº3 de Vigo, relacionados cun corte de tráfico provocado formando unha barricada con carretes de cable eléctrico ao que lle terían prendido lume. A defensa rexeitou tales acusacións, e puxo de relevo as "contradicións" en que incorreron os axentes da policía española que declararon como testemuñas na vista.

Ao fío, sinalaron que non quedou aclarado se os axentes viron ou non como os acusados guindaban pola xanela do seu carro a garrafa que presentaron como proba, e tampouco achegaron análise ningunha sobre o contido do recipiente; para alén disto, houbo tamén discrepancias respecto das circunstancias en que se produciu a detención: uns policías explicaron que conectaron as luces e a serea do carro camuflado, namentres outros negaron este suposto.

Pola súa banda, os cinco mozos negaron a súa implicación nos feitos denunciados, explicando ao tribunal que foran detidos cando volvían de recoller un compañeiro para facer parte dos piquetes informativos. Fóra dos xulgados unha concentración convocada por ambas as dúas centrais, CIG e CUT, exixiu a libre absolución dos sindicalistas.