Piden 12 anos de prisión para unha veciña de Nigrán que tratou de queimar catro veces un monte

A veciñanza segue a traballar para evitar que o lume chegue ás vivendas. nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press)

A muller, que tiña 60 anos no momento dos feitos, sofre "un trastorno adaptativo crónico" que non afecta as súas facultades intelectuais pero "pode condicionar lixeiramente a súa vontade", considera o Ministerio Público.

A Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, xulgará o vindeiro día 19, unha muller acusada de provocar tres incendios forestais, e tentalo unha cuarta vez, nun monte próximo á súa vivenda en Nigrán no verán de 2020.

Segundo o escrito de Fiscalía, que pide para ela 12 anos de prisión, os feitos sucederon durante o mes de agosto de 2020, cando a muller foi sorprendida en varias ocasións prendendo lume á maleza e o monte próximo á súa vivenda, no lugar de Nandín.

En concreto, sobre as 20,30 horas do 2 de agosto dirixiuse a pé até unha zona de monte próxima á súa vivenda e prendeu lume a un papel, que botou nunhas matogueiras que comezaron arder. Un veciño que foi testemuña dos feitos e avisou a Garda Civil permitiu extinguir con rapidez as chamas, que afectaron uns 20 metros cadrados.

Posteriormente, o 9 de agosto, a muller introduciuse nun camiño de monte da mesma parroquia e prendeu lume á maleza cun chisqueiro que portaba, á vez que avivou as chamas con aceite e dúas pastillas de acelerante. Cando regresaba ao seu domicilio, as chamas foron advertidas por unhas veciñas e varios condutores, que alertaron os servizos de extinción. Á chegada dunha patrulla da Policía Local, que lle incautou un chisqueiro, o aceite e as pastillas acelerantes, a muller simulou un desmaio.

O escrito de Fiscalía recolle que a muller volveu tentar prender lume ese mesmo día, botando desde o seu domicilio papeis ardendo á maleza, aínda que nesta ocasión non o logrou dando que a zona estaba húmida dos labores previos de extinción.

Finalmente, impútaselle outro incendio producido o 10 de agosto, sobre as 23,25 horas, após arrebolar papeis ardendo cara á maleza.

A muller, que tiña 60 anos no momento dos feitos, sofre "un trastorno adaptativo crónico" que non afecta as súas facultades intelectuais pero "pode condicionar lixeiramente a súa vontade", considera o Ministerio Público.

O fiscal considera os feitos constitutivos de tres delitos de incendio forestal, por cada un dos cales pide catro anos de cárcere para a procesada. Así mesmo, reclama que se lle impoña unha multa de 6.000 euros e que resarza os gastos de extinción.