Picadas personalizadas e vacinas de nova xeración fronte a reforzos indiscriminados

Unha nena prepárase para ser vacinada contra a Covid (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).
A explosión de contaxios provocada por Ómicron mudou o panorama epidemiolóxico e ampliou o debate sobre o futuro da pandemia. Tanto a OMS como a EMA defenden que é cedo para comezar a tratar a Covid como doenza endémica e piden revisar a estratexia de vacinación. 
 

Seguimos nunha pandemia, advirten as autoridades sanitarias internacionais ante o inicio dun debate que deberá madurar nos próximos meses antes de introducir un cambio de estratexia no control e seguimento dos casos declarados. É prematuro pensar en tratar a Covid como unha enfermidade endémica, conclúen desde a Organización Mundial da Saúde e a Axencia Europea do Medicamento.

Á vista dos datos epidemiolóxicos, piden cautela aos Gobernos ante a tentación de ofrecer vaticinios apresurados. A incerteza segue a presidir a evolución do coronavirus, cunha alta transmisión da variante Ómicron e unha presión hospitalaria que cómpre vixiar de perto.

Se do que se trata é de chegar a convivir co SARS-CoV-2 sen que supoña un problema de saúde pública é necesario tomalo en serio, e iso, din, pasa por frear a transmisión, polos efectos na saúde das persoas e na xestión da asistencia hospitalaria; polo impacto da Covid persistente e pola aparición de novas variantes, máis probábel cantos máis contaxios se produzan, e pola necesidade  de revisar a estratexia de protección da poboación fronte ao coronavirus.

Reforzos de máis

"Non se poden administrar doses de reforzo cada tres ou catro meses indefinidamente". O toque de atención da EMA tras a súa primeira reunión do ano súmase á petición da OMS de crear vacinas que impidan os contaxios e non só protexan contra a doenza grave e a morte.

Unha demanda que os expertos consideran máis doada de formular que de desenvolver, e que pon o foco nas farmacéuticas mais no seu afán de estipular novas doses de reforzo fronte á Covid coas vacinas de sempre, pendentes de chegar aínda á metade da poboación mundial.

"É pouco probábel que unha estratexia de vacinación baseada en repetir doses de reforzo coa composición orixinal da vacina sexa apropiada e sostíbel", remarcan desde a OMS en sintonía coa advertencia da Axencia Europea do Medicamento, que apunta a conveniencia de comezar a definir unha estratexia de vacinación a longo prazo.

"Aínda non temos datos con respecto a unha cuarta dose, e gustaríanos velos antes de facer calquera recomendación". Este aviso é resultado da súa preocupación "por unha estratexia que implica a vacinación repetida nun curto prazo". Lembra a EMA que os reforzos repetidos cada catro meses poden desembocar en problemas potenciais coa resposta inmunitaria. 

Estratexia a longo prazo

Desde o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, Federico Martinón-Torres, xefe do Servizo de Pediatría e membro do Comité Asesor de Vacinas da OMS, defende en declaracións a Nós Diario que a administración de doses de reforzo de forma indiscriminada para toda a poboación "non está xustificada". Aclara que "ninguén ten as respostas perfectas para esta pandemia" mais apela á necesidade de adecuar a estratexia de vacinación á epidemioloxía, ás circunstancias individuais das persoas e ao contexto de cada territorio. Neste sentido, sinala que o maior esforzo debe centrarse no poboación máis vulnerábel. "É posíbel que a necesidade de máis doses de reforzo no curto prazo vaia encamiñada aos grandes inmunodeprimidos", para quen Sanidade vén de aprobar unha cuarta vacina cinco meses despois da terceira.

No resto da poboación, con tres doses, "é de esperar que a protección persista, e haberá que estudar, en función da evolución do virus, se cómpren doses de recordo ou é mellor esperar a unha nova xeración de vacinas".

Sobre os tempos de espera entre doses, asegura que canto máis se espacen as picadas mellor é a resposta inmunolóxica e máis ampla a protección de cara a futuras variantes. "Pero tómanse decisións arbitrarias que buscan que ninguén quede sen protexer", precisa en relación á rebaixa continuada das esperas de seis a tres meses e mesmo a catro semanas tras superar a infección natural.

Non é o momento de tratar a Covid como endémica, concorda. "É un escenario que se contempla mais non significa que chegado o caso deixe de ser grave", incide Martinón-Torres.