Especial 'Radiografía da sanidade, un ano de pandemia'

Os piares que aseguran o control da evolución da Covid-19

Luis Vázquez

Publicamos a seguir o extracto da análise do médico especialista en Análises Clínicas Luis Vázquez que fai parte do suplemento especial do Sermos Galiza, de 56 páxinas, que acompañará o xornal o 13 de marzo por 3 euros.

Despois dun ano de evolución da pandemia da Covid-19 e, despois de sufrir tres vagas, encontrámonos nunha encrucillada que fai difícil ver cal será o futuro desta complicada situación. En todo este tempo transcorrido cometéronse varios erros que nos levaron a pagar un alto prezo en vidas humanas e, tamén, no ámbito sanitario, económico e laboral. É un momento decisivo, no que nas decisións que se tomen van condicionar o futuro en Galicia da pandemia de Covid-19.

Non podemos cometer os mesmos erros que nos trouxeron ata aquí, hai que ser estrito no mantemento de normas sanitarias que nos permitan conseguir un rápido descenso no número de casos da enfermidade activa. Sería unha enorme equivocación marcar datas no calendario para realizar desescaladas nas medidas de confinamento, tal e como se fixo no pasado verán, ponte de decembro e, sobre todo, no Nadal.

Hai, desde o meu punto de vista, tres piares básicos para lograr un bo control na evolución da enfermidade na nosa Comunidade e que se os implementamos de maneira axeitada poden levarnos a unha situación óptima en varios meses. O primero piar é completar a vacinación dos grupos de maior risco no menor tempo posible. Ata o momento completouse a vacinación dos residentes e traballadores dos centros de maiores, dunha boa parte do persoal sanitario e estase iniciando a vacinación das persoas de máis de 80 anos.

Debemos conseguir canto antes que se complete a vacinación de todas as persoas entre 60 e 80 anos, así como das persoas con enfermidades crónicas, grandes dependentes, coidadores e outros grupos que teñen risco por exposición (forzas de seguridade, educadores, traballadores de cara ao público...). Se completamos rapidamente a vacinación nestes grupos de maior risco, conseguiremos un descenso moi importante na mortalidade e na carga asistencial en hospitais.

A análise ao completo poderás lela este sábado no Sermos Galiza Especial 'Radiografía da sanidade, un ano de pandemia'.

Luis Vázquez é médico especialista en Análises Clínicas.

Se non es asinante, reserva o teu exemplar no quiosque para non ficar sen el. Lembra que podes facerte subscritora ou subscritor nesta ligazón, e mesmo podes apoiar o medio sen se te facer asinante, na opción de mecenas ou amizade.