PGDEP sitúa por riba do 80% o seguimento do boicote na segunda xornada de reválida

[ Imaxe Colexio Campolongo Mónica Patxot / PontevedraViva ]

Exixe á Xunta que paralice as probas de 3º de Primaria ou "do contrario" manterán a campaña entre as familias. 

A Plataforma galega en defensa do ensino público asegurou que nesta segunda xornada de reválida en 6º de Primaria está a manexar unhas cifras de absentismo maiores nalgúns centros ás rexistradas na cuarta feira (11 de maio). 

A Plataforma di que todos os centros de ensino públicos están atinxidos por ausencias

"Con estes dados o alumnado que non fixo a reválida de 6º no ensino público supera o 80% véndose todos os centros afectados", sinala nun comunicado de imprensa no que exixe á Xunta de Galiza que paralice as probas correspondentes a 3º de Primaria e que terán lugar os días 24 e 25 de maio.

"Do contrario, máis unha vez, estariamos ante un novo acto de desprezo ao ensino público ao profesorado ao alumnado e as familias" polo que a plataforma "continuará facendo un chamamento ás familias para que o alumnado non faga as probas de 3º e desacreditar definitivamente a LOMCE e as reválidas". 

Neste senso, lembran que "ademais de despilfarrar diñeiro público e recargar ao profesorado e aos centros de traballo estéril" con estas probas, "estase sometendo ao alumnado a unha presión totalmente innecesaria".