Anpas Galegas felicita as familias polo seguimento da campaña contra as reválidas

Colexio Campolongo [Imaxe Mónica Patxot / Pontevedra Viva]

"Tivemos no silencio nas aulas públicas de sexto de primaria a demostración práctica de que existe unha clara e rotunda posición cidadá contraria á LOMCE", sinalan. 

A Confederación Anpas Galegas coida que a resposta das familias ao chamamento lanzado pola Plataforma galega en defensa do ensino público con motivo da reválida de 6º curso iniciada na cuarta feira foi "directa" e "sen fisuras". O colectivo ve na ausencia do 80% do alumnado --o 40% segundo a Xunta-- unha evidencia de que "Galiza dixo non" á implantación da LOMCE e "a todo o que representa e intenta implantar", sinalan nun comunicado de imprensa. 

Anpas Galegas sinala que as cifras de seguimento terían sido maiores "se non houbera en moitos casos problemas de conciliación familiar"

Neste senso, Anpas Galegas quixo transmitir os seus parabéns ás familias así como o seu "orgullo" de "pertencer a un País que soubo dicir en público outra vez que isto non é o que queremos na educación da nosa xuventude". E é que nalgúns centros de ensino, subliñan, da Costa da Morte o nivel de abstención foi do 90% de acordo coas cifras que recompilaron ao longo da xornada sendo a media do 80%. Unhas cifras que tildan de "abraiantes" e que, aseguran, terían sido maiores "se non houbera en moitos casos problemas de conciliación familiar". 

"Este é un argumento que tería que facer pensar aos nosos representantes públicos, e tería que facerlles pensar que non están representando a ninguén cando tentan levar adiante políticas clasistas e diferenzadoras, excluíntes e segregadoras, como as que significa a LOMCE", remarcan.