A Plataforma galega en defensa do ensino público cifra o boicote á reválida no 80%

[ACTUALIZACIÓN 17:30H] Cualifican de "éxito" a "ausencia masiva" de alumnado nas aulas coincidindo coa primeira xornada das probas en 6º de Primaria. A Xunta cifra no 40% o seguimento do boicote e acusa as organizacións sindicais e políticas de manter unha "postura egoísta" pensando "máis nos seus propios intereses que no beneficio dos alumnos".

Segundo as cifras fornecidas pola Plataforma galega en defensa do ensino público o boicote á reválida de 6º de Primaria que comezou esta cuarta feira e continuará até o 13 de maio situouse  por volta do 75%-80% no conxunto do país o que reflicte, din, "o rotundo rexeitamento  á LOMCE" e ás propias reválidas. 

Nalgúns centros, din, da Costa da Morte a cifra de ausencias foi superior ao 80% mentres que noutras zonas do sur do país o número foi algo menor. 

A Xunta recoñece o 40% de seguimento ao boicote

Pola súa banda o goberno galego situou o seguimento do boicote no 40% nuns dados que contemplan tamén os centros privado-concertados. Uns dados "razoábeis", dixo o conselleiro Román Rodríguez, tendo en conta os chamamentos lanzados desde as organizacións sindicais, plataformas e forzas políticas ás que acusou de manter unha "postura egoísta" pensando "máis nos seus propios intereses que no beneficio dos alumnos". 

Neste senso, "o pouco [alumnado] que asistiu fíxoo en moitos casos por imposibilidade das familias de deixar os/as fillos e fillas nas casas pero aínda así manifestaron o seu rexeitamento a estas probas", apuntou Anxo Louzao, portavoz da plataforma. Perante estas cifras desde a PGDEP instan a Xunta de Galiza a paralizar este "despropósito e aberración pedagóxica" tamén as que atinxirán o estudantado de 3º de Primaria os días 24 e 25 de maio. Así, achan que o boicote evidencia que a LOMCE se está a aplicar "de costas á sociedade". 

“Estamos moi satisfeitos polos datos de non asistencia a estas probas que son innecesarias e estériles e que poñen atrancos na vida dos noso fillos e fillas. É incríbel que haxa un goberno que queira etiquetar a nenos e nenas destas idades”, afirmou o vice-presidente da Confederación ANPAS Galegas, Fernando Lacaci

Estas probas son innecesarias e estériles"

Desde a Plataforma lembran que estas probas visan "ser unha maquinaria de selección social. Pedagoxicamente supoñen unha presión innecesaria para o alumnado mediante probas que van avaliar exclusivamente estándares uniformizadores, sen considerar a educación como un proceso no que hai que ter en conta as circunstancias tanto persoais como socioeconómicas da alumnado"; "recentralizan o sistema educativo, na medida en que non ten cabida o estudo e coñecemento de aspectos que nos conforman como pobo galego e como persoas" e "desprezan a avaliación continua e a opinión do equipo docente xogándose o alumnado todo a unha proba, sen considerar a opinión e avaliación do seu profesorado". 

Así pois, a Plataforma advertiu que continuará mobilizándose até que desaparezan as reválidas e sexa derrogada a LOMCE ao tempo que amosou o seu agradecemento ás familias que escoitaron o chamamento non enviando as crianzas aos centros educativos.