O petroleiro avariado fronte á costa galega será remocaldo ao porto de Vigo

O petroleiro chegou este domingo ao porto de Vigo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
Un buque de Salvamento Marítimo fixo firme o remolque ás 10 horas deste domingo.

O petroleiro Minerva Nounou, que navegaba fronte á costa galega debido a unha avaría na hélice, xa solicitou entrar no porto de Vigo e farao este domingo remolcado polo buque da Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima (Sasemar) de nome Don Inda.

O buque avariado, que actualmente navega sen carga, acudiu xa ao momento de encontro fixado polo Capitán Marítimo para a súa entrada en Vigo. Alí tamén está o remolcador da Sasemar, que fixo firme o remolque ás 10 horas deste domingo. Estiman que o petroleiro chegue a porto pola tarde.

O buque, de 254 metros de eslora e 44 de manga, saíu de Xibraltar o pasado 7 de marzo con destino Países Baixos. As mesmas fontes consultadas confirmaron que, a bordo do barco, atópanse 26 persoas como tripulación. O pasado 9 de marzo, deuse aviso a Salvamento Marítimo dunha avaría, concretamente, na hélice.

A propia tripulación tratou de levar a cabo reparacións e probas, sen que polo momento concluísen con éxito. Ademais, aínda que polo momento non se teme pola integridade do barco e non ten carga a bordo, Salvamento Marítimo tamén informou da situación á Consellería do Mar, tal e como confirmaron fontes do gabinete deste departamento da Xunta.

Segundo adiantou Faro de Vigo este sábado, por motivos que non transcenderon, o buque interrompeu a súa travesía e transitou fronte á costa, chegando a estar a unhas 30 millas da cidade olívica.

De acordo aos rexistros dispoñíbeis, acrecenta o xornal vigués, a embarcación ten un peso de case 115.000 toneladas e pertence á armadora grega Minerva Marine. Foi construído no ano 2006 polo xigante coreano de construción naval Daewoo Shipbuilding.

Cambio de rumbo

A intención do mando do barco era a de dirixirse a porto no norte de Portugal, mais reverteu esta decisión. Por sorte, segundo fontes da Consellaría, o estado do mar non complicou a súa situación.