As pesquisas confirman xa que o crime da Coruña foi un asasinato machista

Sede da Delegación de Goberno na Coruña.

A Delegación do Goberno español convocou unha concentración en repulsa perante o novo feminicido. Será esta sexta feira ás 10.15 horas perante a sede deste órgano estatal na Coruña.

Despexadas as dúbidas. O degolamento na Coruña dunha muller de 57 anos —M.J.M.A.— a mans do seu cónxuxe de 54 é un crime machista e así vai ser catalogado pola policía. Acaba de o anunciar a Delegación do Goberno estatal, da que depende a coordenación das forzas de seguranza. Desbótase así a hipótese, manexada nas primeiras horas posteriores ao asasinato, de que a conduta do agresor tivese sido guiada pola intención de pór fin aos sufrimentos da súa dona, aqueixada dunha enfermidade terminal.

 

Estamos pois perante o segundo asasinato machista no que vai de ano na Galiza. O primeiro, o pasado mes de xuño, tivo como vítima unha muller de 47 anos, morta a tiros a mans do seu marido, no Porriño.