Activado o protocolo de violencia de xénero, mais non se desbotan outras hipóteses

Por esclarecer as circunstancias do asasinato dunha muller na Coruña

Desde a Delegación do Goberno afírmase que o crime aínda non pode ser catalogado como violencia de xénero

Todos os indicios apuntan a que M.J.M.A., de 57 anos, foi degolada polo seu esposo, un home de 54 anos. O autor do feminicidio chamou a policía, ficou no lugar -o domicilio do matrimonio- a agardar a chegada dos axentes e non opuxo resistencia á detención. A muller padecía unha enfermidade terminal. Fontes da investigación manexan a hipótese de que o estado de saúde da muller poida ter a ver coa actuación da súa parella.

Ou se trata dun crime machista ou dunha acción destinada a pór fin aos sufrimentos dunha persoa que padecía unha enfermidade terminal, unha sorte de suicidio asistido. Esas son as dúas liñas de investigación abertas após a morte dunha muller a mans pretensamente do seu cónxuxe, quen se entregou sen opor resistencia. O autor do feminicido foi ingresado, após se autoinflixir pequenos cortes, no hospital universitario da Coruña.

 

No caso de se tratar de violencia de xénero estaríamos perante o segundo asasinato no que vai de ano na Galiza. O primeiro, o pasado mes de xuño, tivo como vítima unha muller de 47 anos, morta a tiros a mans do seu marido, no Porriño.

 

Nas últimas horas, a subdelegada do Goberno na Galiza, Pilar López Riobóo, afirmou que "esta morte se está a investigar e aínda non podemos determinar se será considerada como violencia de xénero ou non".