O pesoal antiincendios, en alerta polas condicións meteorolóxicas

Restos dun lume nunha parroquia de Compostela. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Dous lumes activos en Folgoso do Courel e Lobios afectan a espazos de alto valor natural

As condicións meteorolóxicas actuais, marcadas polas altas temperaturas, levaron a Consellaría do Medio Rural a adiantar a esta cuarta feira, 16 de xuño, as gardas do persoal ante "as predicións a curto e medio prazo", segundo consta nunha resolución remitida esta semana ás xefaturas provinciais de prevención de incendios e territoriais de Medio Rural.

O escrito, asinado polo director  xeral de Defensa  do Monte, Manuel Rodríguez Vázquez, declara "o inicio do horario de alto risco" desde esta cuarta feira para o persoal laboral do servizo de prevención de incendios forestais e o comezo de gardas para o persoal técnico dos servizos provinciais de prevención, distritos forestais e da Subdirección Xeral de Extinción.

Igualmente, fíxase para esa data o arranque do período extraordinario para os axentes ambientais e os axentes forestais do servizo.

Alto risco

Con todo, segundo fontes de Medio Rural, mantense 1 de xullo como data de inicio do período oficial de alto risco de incendios, as gardas comezarán a próxima semana pola evolución meteorolóxica.

Segundo consta no plan de loita contra o lume da Xunta (Pladiga), a finais do mes de xuño prodúcese un incremento "notábel" da actividade incendiaria na serie histórica, do mesmo modo que no resto do período estival.

Na década de 2010 a 2019, as últimas semanas de xuño contan, de media, con preto dun centenar de lumes declarados en toda Galiza cada ano, lonxe de cifras como as de agosto, pero por riba de semanas previas e mesmo dalgunha de xullo.

Lumes activos

No día de hoxe permanecen activos dous lumes, un en Folgoso do Courel e outro Lobios. O primeiro deles afecta a máis de 20 hectáreas e o segundo a unha do Parque Natural  Baixa Limia Serra do Xurés, segundo informou este sábado Medio Rural.

O primeiro deles rexistrouse ás 4.50 horas desta madrugada na parroquia de Folgoso do Courel e, segundo as últimas estimacións, afecta a máis de 20 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse até o momento catro axentes, seis brigadas e seis motobombas.

Pola súa banda, o incendio declarado na parroquia de Río Caldo, en Lobios, afecta a unha hectárea do Parque Natural Baixa Limia Serra do Xurés. As chamas orixináronse ás 8.46 horas, e no seu control participan un axente, tres brigadas e dúas motobombas.

Ademais, fontes de Medio Rural informaron de que ás 22.43 horas desta sexta feira quedou extinguido o lume do Bolo, que afectou a 2,5 hectáreas, unha de superficie arborizada e 1,5 de monte raso.