Pesar polo falecemento de Ramiro Paz, un dos referentes do movemento da insubmisión na Galiza

Ramiro Paz, na foto que acompañaba a entrevista que en 1997 A Nosa Terra fixo a el e Elías Rozas.
Canda Elías Rozas foi pioneiro a finais dos 90 na estratexia antimilitarista da 'insubmisión nos cuarteis', que custou a ambos os dous 19 meses de prisión nunha cadea militar.

Os arousáns Ramiro Paz e Elías Rozas foron, a finais dos 90, os dous mozos que puxeron rostro ao movemento pola insubmisión na Galiza, un movemento que na loita pola abolición do servizo militar obrigatorio, mili, afrontou multas, inhabilitacións e penas de prisión. Ramiro, catoirense, faleceu aos 47 anos de idade. Tiña 2 fillos.

"Hai que abolir os exércitos", afirmaba Ramiro en xaneiro de 1997 nunha entrevista en A Nosa Terra que lles fixo o xornalista Horacio Vixande. Resumía así o obxectivo final e estratéxico do movemento antimilitarista. A loita concreta, naquela altura, era acabar coa mili. Unha loita na que no Estado se implicaron miles e miles de mozos e que na Galiza se traduciu en que houbese centos de rapaces que se declararon insubmisos. Nin facer a mili nin tampouco a PSS, a prestación social substitutoria que fixaba o Goberno español como "alternativa" a cumprir para quen non quixese ir ao exército.

Elías e Ramiro estiveron 19 meses presos na cadea militar de Alcalá de Henares. Os dous insubmisos galegos sufriron agresións por presos nazis e tentativas de agresións por parte dalgúns funcionarios

Unha loita que na Galiza tamén se pode percorrer a través de nomes e rostros: o de César Aguiño, do Grove, ao que meteron no cárcere mesmo antes de xulgalo (1992), ou o de Ernesto Vázquez (A Coruña) e César 'Goldi', outros pioneiros neste movemento. Toribio, Manolo 'Pipas', Christian Ferreirós. Carlos Morais, Suso Domínguez, Bieito Lobeira, Mauri Castro, Paco Manrique, Luis Vilaverde, Miguel Anxo Abraira, Carlos Crestar, Alberte Naya, Joseph Ghanime, Carlos Sánchez, Asier.... e así até completar unha lista longa de nomes.

Prisión

En 1997 Elías e Ramiro deron un paso máis alá e protagonizaron unha estratexia pioneira no Estado no combate contra a 'mili': a insubmisión nos cuarteis. Xa non se trataba de se negar a facer a mili ou a PSS. Agora, cando o Estado te citaba para cumprir coa obrigación de te incorporar ao exército, aceptábase. Unha vez dentro, e cumprido o período de instrución, desertábase. Non era unha brincadeira: desertar era ser xulgado por un tribunal militar, co que iso significaba -e significa - no Estado Español.

Elías e Ramiro estiveron 19 meses presos na cadea militar de Alcalá de Henares, a mesma onde se atopaban, entre outros, o xeneral da Garda Civil Rodríguez Galindo polas súas responsabildiades na guerra suxa en Euskal Herria e onde un bo número de encarcerados tiñan simpatías pola extrema dereita. Os dous insubmisos galegos sufriron agresións por presos nazis e tentativas de agresións por parte dalgúns funcionarios, tal e como denunciou a ANOC, a Asemblea Nacional de Obxección de Consciéncia, que agrupaba na Galiza boa parte da loita pola insubmisión.

No exterior activouse un amplo movemento de apoio aos dous antimilitaristas arousás: manifestacións, recitais de poesía, concentracións, aprobacións en plenos municipais de mocións pedindo a súa liberación, pintadas en canto muro había de norte ao sur do país, concertos... A vaga de apoio e solidariedade reforzou o movemento pola insubmisión.

O decreto do 9 de marzo de 2001 puña fin a máis de dous séculos de recrutamento militar forzoso para o Exército español. Unha conquista da loita antimilitar que se debe, entre outros e cun espazo de honra a Ramiro Paz.