Conceden a liberdade a Galindo, o xeneral que desde Intxaurrondo dirixiu a sangue e lume a guerra suxa contra ETA

Estaba condenado a 75 anos de cárcere polo secuestro, tortura e asasinato de Joxean Lasa e Joxi Zabala, dos que só cumpre 4 anos e 4 meses. Desde 2005 estaba en terceiro grao.

A Audiencia Nacional deu a aprobación á proposta de Dirección Xeral de Prisións de conceder a liberdade a Enrique Rodríguez Galindo, o mando da Garda Civil que nos 80 dirixira desde o cuartel de Intxaurrondo a guerra suxa contra ETA. Galindo fora condenado a 75 anos de prisión polo secuestro, tortura e asesinato a mans dos GAL de dous mozos de Tolosa (Gipuzkoa), militantes de ETA.

A decisión da Audiencia Nacional implica que Galindo cumprirá só 4 anos e 4 meses de cárcere por eses feitos. En 2005 a xustiza española xa lle concedera o terceiro grao. Dous anos e dous meses de cadea por cada unha das súas vítimas.

Unllas e dentes arrincados con tenazas

Lasa e Zabala eran dous das ducias de mozos vascos que a principios dos 80 se movían por Iparralde (País Vasco francés) e que tiñan algún tipo de relación con ETA. O 15 de outubro de 1983 desapareceron. Non se volveu saber nada máis deles ata 1995, ano no que se determinou que uns restos que se atoparan en 1985 en Alicante eran os destes tolosarras. Durante todos eses anos, a familia, os amigos e a esquerda abertzale apuntaron a que Lasa e Zabala desapareceran no marco da guerra suxa que o Estado español desenvolvía contra ETA. Desde o goberno español, pola súa banda, insinuábase que estes mozos ou ben fuxiran e non querían que ninguén os atopase, ou mesmo que foran asasinados por ETA nunha 'purga'.

Ténselle sinalado como un elo importante nas redes de narcotráfico en Euskal Herria nos 80

Pero Joxi e Joxean foran secuestrados polos GAL e levados ao cuartel da Garda Civil en Intxaurrondo, o recinto onde Galindo era Deus e desde onde se dirixía a loita 'contra-terrorista'. De aí foron levados a 'La Cumbre', un palacio en Donosti, onde foron salvaxemente torturados. O estado no que ambos os dous mozos ficaron após as torturas (que incluíron arrincarlles unllas e dentes con tenazas ou esmagar os testículos con martelos), levou a Galindo a dar a orde de matalos e facer desaparecer os corpos. Unha decisión que contou co coñecemento e aprobación do delegado do goberno español en Euskadi, o socialista Julen Elorriaga.

Dous gardas civís levaron a Laxa e Zabala até unha zona desacampada da provincia de Alicante, onde os asasinaron dun tiro na cabeza para, despois, enterralos en cal viva.

Tras ser torturados durante horas os 2 mozos ficaron reducidos a "guiñapos". Galindo decidiu que había que matalos e facer desaparecer os cadáveres 

 

Negu Gorriak no seu punto de mira

Galindo estivo no albo de moitas denuncias e sospeitas en Euskal Herria. A nivel social era visto como un torturador e asasino por amplas capas da cidadanía (e non só pola que simpatizaba coa esquerda abertzale). Aliás, atribuíanselle conivencias coas redes de narcotráfico, un tema tratado por xornalistas bascos.

Galindo querelouse contra o grupo de música Negu Gorriak a raíz dunha canción destes: 'Ustelkeria' (Podredume). Foron anos de litixios ata que a xustiza deu a razón ao conxunto de Fermín Muguruza.

Foi a personificación do terror de Estado no convulso Euskadi dos 80. Secuestro, torturou e deu orde de matar. Todo iso, e moito máis, por só 4 anos e 4 meses de prisión.

Comentarios