Folga na educación: 20 marchas fúnebres alertan da "morte" do ensino público galego
Máis dunha vintena de marchas fúnebres e mobilizacións en defensa do ensino público galego marcaron esta terza feira a cuarta xornada de folga docente do curso. As accións trasladaron o conflito aos propios centros educativos, que amenceron e remataron a xornada cubertos de crespóns negros, necrolóxicas e mensaxes reivindicativas para denunciar os recortes, a falta de profesorado e a negativa da Consellaría de Educación a negociar coas organizacións sindicais maioritarias do sector.
Máis dunha vintena de marchas fúnebres e mobilizacións en defensa do ensino público galego marcaron esta terza feira a cuarta xornada de folga docente do curso, convocada pola CIG-Ensino xunto ao STEG. Tras sumarse novas iniciativas ao longo do día, foron finalmente 19 localidades —algunhas con até tres convocatorias— as que acolleron accións reivindicativas para visibilizar a situación do ensino público e as demandas laborais do profesorado.
Na que é xa a cuarta xornada de paro á que está chamado un colectivo de máis de 30.000 docentes, con incidencia sobre 374.043 estudantes —sen contar as ensinanzas artísticas—, o conflito trasladouse de cheo aos centros educativos. Crespóns negros, necrolóxicas e mensaxes reivindicativas apareceron nas súas fachadas, valados e entradas tras o paso das marchas fúnebres, concibidas como velorios simbólicos do ensino público. As mobilizacións percorreron as sete grandes cidades e tamén Monforte e Sober (Terra de Lemos), O Vicedo e Viveiro (A Mariña), Negreira (A Barcala), Cangas, Bueu e Moaña (O Morrazo), Redondela e Gondomar (comarca de Vigo) e Ponteareas (O Condado).
"O profesorado galego volveu dar unha lección de dignidade, esa que nos quixeron roubar xunto cos dereitos laborais pero que aínda nos queda, e moita", proclamou o manifesto lido ao remate das mobilizacións. As persoas participantes —maioritariamente docentes, mais tamén integrantes de ANPAs, familias e alumnado— vestiron de negro e portaron simboloxía mortuoria. Os percorridos afastáronse do formato clásico de manifestación: comezaron e remataron en centros educativos ou diante de edificios administrativos da Consellaría de Educación e incluían paradas en colexios, institutos, centros integrados de FP, conservatorios e escolas de artes, que foron empapelados con necrolóxicas, crespóns e carteis coas reivindicacións concretas de cada etapa educativa e do ensino público no seu conxunto. Moitos centros de toda Galiza xa amosaban estas mensaxes desde a xornada anterior, segundo difundiu a CIG-Ensino nas súas redes sociais.
As accións insírense nunha estratexia de socialización do conflito laboral aberto desde o inicio do curso, tras quince anos de recortes e sendo Galiza, denuncian desde a central sindical nacionalista, o único territorio do Estado español que mantén o horario lectivo imposto en 2010. A falta de profesorado especialista e de persoal coidador para atender a diversidade —denunciada con forza polas ANPAs—, as ratios elevadas, especialmente nas áreas urbanas, a precarización crecente con contratos parciais e itinerantes entre varios centros, e unha burocracia que o profesorado cualifica de asfixiante están na base dunha vaga de mobilizacións que esta cuarta feira chegará á quinta xornada de folga, unha situación inédita desde os cursos 1986/87 e 1987/88.
Aliás, no manifesto criticouse o inmobilismo da Consellaría e a súa negativa a negociar coa maioría sindical. "Temos diante unha administración refractaria a negociar, que só entende de imposicións e de propaganda", sinalaron, para engadir que os centros "padecen día a día a impotencia de non poder atender o alumnado como precisa". "Faltan especialistas, orientadores, docentes para desdobres e oferta pública", mentres "sobran recortes, autoritarismo e burocracia".
Un enterro simbólico
As organizacións convocantes chamaron a manter a mobilización e advertiron de que sen estas protestas non se estarían producindo movementos na administración, que "negocia por detrás" cuestións como a recuperación do horario en Secundaria ou a baixada de ratios. A xornada culminará esta cuart feira cunha manifestación nacional en Compostela, concibida como o enterro simbólico do ensino público galego, "que as políticas da Consellaría está deixando que morra e non precisamente de forma lenta". Esta marcha fúnebre, na que está previsto que haxa cadaleitos, candeas, música solemne e diverso attrezzo mortuorio para "chamar a atención da sociedade e visitantes da capital da Galiza sobre a situación dun dos servizos públicos máis esenciais", sairá ás 11.30 horas do Parlamento e rematará en San Caetano.