Perto de 70 locais e un cento de propostas a concurso na nova edición do ‘Santiago (é) Tapas’

Como unha das novidades desta edición, haberá unha gran final coas dez tapas escollidas polo xurado profesional do 7 ao 9 de decembro.

Máis unha edición de Santiago(é)Tapas, iniciativa que ao longo destes anos foi quen de afianzarse na capital galega como unha cita indiscutíbel no calendario da oferta hostaleira e gastronómica. Na undécima edición toman parte 68 locais, que presentarán 101 tapas a concurso entre o 15 de novembro e o 2 de decembro. A nova edición do concurso de tapas de Compostela, coorganizado por Turismo de Santiago e a Asociación Hostalaría Compostela, conta con novidades, entre as que destaca que terá por primeira vez unha gran final, na que participarán 10 tapas finalistas. 

 

Esta final nace co obxectivo de darlle ao público a posibilidade de probar e valorar as tapas que o xurado considera as dez mellores do evento. Ademais, dende o punto de vista turístico, a final pode promocionarse coma un evento en si mesmo, con capacidade para a atraer a público foráneo aproveitando a ponte que terá lugar nesas datas. Esta final terá lugar do 7 ao 9 decembro. Os establecementos con tapas finalistas teñen a obriga de ofrecer durante estes tres días a súa tapa ao público. A elección das tapas gañadoras entre as finalistas farase unindo a valoración do xurado profesional e o voto popular.

 

Outra das novidades da edición deste ano é unha nova distribución dos premios do concurso. Haberá un Primeiro Premio de 1.000 euros, un Segundo de 500 euros, e un Terceiro de 500 euros en produto. Ademáis, este ano o público premiará directamente cos seus votos emitidos entre o 15 de novembro e o 2 de decembro a dúas tapas. A Primeira Tapa do Público recibirá 700 euros euros e a segunda, 300 euros. 

 

O premio estará aberto por primeira vez a calquera persoa ou colectivo que difunda o concurso a través das seguintes redes sociais: Facebook e Instagram. Este premio está dotado con 700 euros. 

 

Finalmente, outra das novidades principais da edición deste ano é que se lle da liberdade aos locais participantes a que fixen o prezo das súas tapas a concurso, cun mínimo de 1,5 euros e un máximo de 3,5. Todas as tapas deben incluír polo menos 1 produto pertencente a algunha das Denominacións de Orixe ou Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia.