39,5% de galegas e galegos dedican entre unha e dúas horas ao día en ver contidos audiovisuais

Presentación do informe de iCmedia Galiza, esta segunda feira en Compostela. (Foto: Arxina)

O informe de iCmedia Galiza indica que case 40% dos mozos e das mozas de entre 17 e 25 anos utilizan máis de tres horas cada día as redes sociais

39,5% de galegos e galegas dedican entre unha e dúas horas ao día para ver contidos audiovisuais, unha cifra á que se suma o tempo que consomen en redes sociais que, no caso de 16,2% supera as tres horas diarias, segundo o estudo Consumo audiovisual na Galiza 2023 de iCmedia Galiza.

A análise, presentada esta segunda feira en Compostela, apunta a que as maiores consumidoras de series son as mozas de entre 12 e 16 anos, posto que unha de cada tres dedícalle máis de dúas horas diarias, e 17,3%, máis de tres horas.

Este informe levouse a cabo a través dunha mostra de 700 persoas residentes na Galiza e de máis de doce anos, das cales 310 son homes e 390 mulleres. Por franxas de idade, 24,7% tiña entre 12 e 16 anos; 21,4% entre 17 e 25; 8,8% de 26 a 40; 33,3 entre 41 e 60 anos; e 11,8% restante tiñan máis de 60 anos.

Consumo en series e plataformas dixitais

O estudo desprende que un de cada cinco adolescentes galegos considera que ningunha das series xuvenís de moda reflicte realmente como son. Ademais, 58,5% dos enquisados e das enquisadas sinala que non sabe que series definen mellor os mozos e as mozas actuais.

Deste xeito, mentres a maioría dos preguntados di que o principal motivo para ver unha serie determinada son as recomendacións de familiares ou amigos, na franxa entre 12 e 16 case 50% apuntan a que o fan após descubrila na propia plataforma.

En canto ás plataformas, Netflix lidera o número de subscricións entre os enquisados, 67,8%, seguida de preto por Amazon Prime con 53,1%. Así, máis de 17% sinala non estar abonado a ningunha plataforma.

Uso das redes sociais

No ámbito das redes sociais, o estudo conclúe que case 40% dos mozos e das mozas de entre 17 e 25 anos utilizan máis de tres horas cada día as redes sociais. Este dato contrasta co obtido na franxa de maiores de 60 anos onde só dedican este número de horas 1,2% dos enquisados.

Así mesmo, entre na franxa de 12 a 16 anos, o número de mozas que pasa máis de tres horas diarias nas redes atópase en 39,5%, un dato que case duplica ao dos mozos, con 21,7%.