Persoeiros da política e da sociedade civil apoian a absolución de Emilio Cao

Unha iniciativa procura a recollida de sinaturas contra o enxuizamento do mozo carballiñés por participar nas Marchas da Dignidade de 2014. Martiño Noriega, Ana Pontón, Fernández Lores, Luis Villares ou Xulio Ferreiro, entre os asinantes

Na vindeira segunda-feira 19 de marzo, os Xulgados nº 7 de Madrid acollerán o xuízo contra Emilio Cao. O ministerio público pide unha pena de cinco anos e oito meses de cárcere, amais dunha multa de 6.000 euros, pola súa participación nas Marchas da Dignidade. Con este motivo, diferentes representantes políticos e da sociedade civil defenden un manifesto para a absolución deste mozo de vinte anos.


O escritor Suso de Toro e a profesora e académica da RAG Marilar Aleixandre presentaron a iniciativa esta cuarta-feira na Libraría Couceiro, en Santiago de Compostela. “Queremos situar o caso de Emilio Cao dentro da deriva autoritaria do Estado, como demostrou o Tribunal de Estrasburgo emendando a plana ao Goberno español”, declarou Aleixandre.

 

Pola súa parte, Suso de Toro remarcou o carácter represivo do Estado español, e quixo lembrar que “Mariano Rajoy fixo campaña en contra da Constitución. É normal que pretenda recortar as liberdades recollidas alí”, engadiu Suso de Toro. Por último, Emilio Cao quixo recoñecer que estas dinámicas punitivas non debería ser personificada na súa persoa, senón que se trata dalgo que lle está a acontecer “a moitas persoas que desafían o status quo”.

 

Asinar o manifesto


Toda persoa que queira ler e apoiar o manifesto pode facelo a través do sitio web www.absolucionemiliocao.gal. A páxina xa recolle as sinaturas de varios alcaldes de diferentes sensibilidades políticas, entre os que se atopan catro rexidores das cidades galegas: Miguel Anxo Fernández Lores (Pontevedra), Xulio Ferreiro (A Coruña), Martiño Noriega (Santiago de Compostela) e Jorge Suárez (Ferrol). Os portavoces do BNG e En Marea no Parlamento, Ana Pontón e Luis Villares, tamén quixeron sumarse á iniciativa xunto a outras deputadas nacionalistas, tanto do hemiciclo galego como do Congreso ou do Senado.


Fóra do ámbito institucional, houbo diversos persoeirosque se sumaron á sinatura como Carlos Ares, Mónica García, Miguel de Lira e Antonio Durán Morrís; os escritores e pensadores como Rebeca Baceiredo, Xosé Manuel Beiras, María do Cebreiro, X.L. Méndez Ferrín, Manuel Rivas e Iolanda Zúñiga; e profesoras das universidades galegas como Comba Campoi, Juán Cuevas Álvarez, Antía Pérez Caramés e Teresa Moure, entre outras e outros moitos.

De cara ao xuízo do próximo día 19, a plataforma de familiares e amigos de Emilio Cao convoca unha concentración fronte ás dependencias xudiciais madrileñas para apoiar a súa libre absolución deste mozo do Carballiño.