Emilio Cao, ante unha petición fiscal de 5 anos de prisión

"Hai centos na miña situación"

Emilio Cao

Fiscalía pide para este mozo 5 anos de cadea e unha multa de 6.000 euros por se ver envolvido en incidentes durante as Marchas da Dignidade de 2014. Emilio Cao pide que non se personalice o seu caso e afirma que a vaga represiva afecta centos de persoas: sindicalistas, rapeiros, independentistas... 

Emilio Cao (O Carballiño, 1997) foi detido o 22 de maio de 2014 durante a concentración en Madrid das Marchas da Dignidade. Ese día, milleiros de persoas chegadas de distintos puntos do Estado ateigaron as rúas madrileñas ao berro de “pan, traballo e teito”. Cao, que non foi o único apresado ese día, enfróntase agora a unha petición do ministerio público de cinco anos e oito meses de cárcere e unha multa de 6.000 euros.

 

“Hai centos coma min: xente que por facer música está sentada nun xulgado, outras que por conflitos sindicais pídenlles penas de prisión ou multas astronómicas… Por non falar da brutal persecución que está a haber en Cataluña”

 

Aínda que xa pasaron catro anos daquilo, Emilio recorda como a carga policial comezou nun momento no que a manifestación aínda estaba autorizada, “mesmo antes de que acabaran de falar os ponentes”, explica. “Foi baixando Génova cara á praza de Colón, onde estaba o escenario das Marchas. Alí estaba un cordón policial, cando xa non había motivación para comezar a cargar e menos da forma na que o fixeron. A xente estaba escoitando falar a Diego Cañamero e non había indicios de revolta nin disputas nin nada polo estilo. Nada que xustificase a atitude da policía”, destaca.

 

O auto inicial emitido pola policía pedía para Emilio Cao unha pena de seis meses de cadea sen multa, mais agora a Fiscalía reclama para el cinco anos e oito meses de cárcere, cunha multa de 6.000 euros. “Acúsanme de atentado á autoridade, desordes públicos e resistencia. Acúsanme, entre outras cousas, de facerlle dano nunha perna a unha policía durante a detención. Un disparate”, conta Emilio.

 

Cao non foi o único detido durante a manifestación do 22 de maio. Até 24 foron as mobilizadas apresadas, entre as que se atopaban tres galegas. “Sei que houbo xente que foi absolvida, outros están enfrontándose a penas e tamén os hai que aínda non foron xulgados. Hai unha rapaza de Zaragoza acusada do mesmo que a min, pero absolvérona por falta de probas”.

 

"Incertidume total"

 

Emilio asegura atoparse nunha situación de “incertidume total” fronte ó xuízo. “Tal e como está a cousa co tema catalán e co dos raperos [a Audiencia Nacional condenaba hai apenas dous meses doce rapeiros do colectivo La Insurgencia a dous anos e un día de cadea, acusados por un delito de enaltecemento do terrorismo], non son tempos para a esperanza”, sinala.

 

Para el, o máis importante é que o seu caso non se personalice. “Hai centos coma min: xente que por facer música está sentada nun xulgado, outras que por conflitos sindicais pídenlles penas de prisión ou multas astronómicas… Por non falar da brutal persecución que está a haber en Catalunya”, denuncia Cao.