Nove persoas a xuízo en Lugo por oporse a unha obra ilegal no río Miño

Comparecencia dalgunhas das persoas acusadas. Imaxe: Lugo de Cara ao Miño

A empresa Inca denunciounos por un suposto delito de coaccións a 9 activistas da plataforma Lugo de Cara ao Miño. Eles négano, defenden o carácter pacífico das mobilizacións e lembran que “o tempo deunos a razón e demostrouse que as obras contra as que protestábamos eran ilegais”.

Máis unha vez, veciños de Lugo terán que declarar perante a xustiza por mor dunha denuncia presentada por unha empresa a raíz das mobilizacións en defensa do Río Miño. Desta vez son 9 as persoas denunciadas, da plataforma Lugo de Cara ao Miño. Dúas delas (Rubén Arroxo e Maite Ferreiro) son, ademais, os concelleiros do BNG en Lugo. A denuncia é por un suposto delito de coaccións.

As persoas acusadas explicaron que o pasado 30 de agosto de 2016  un grupo de persoas concentráronse na zona do Río Miño para protestar contra a reactivación das obras de construción dun dique que eles consideraban ilegal. “O tempo deunos a razón e demostrouse que as obras contra as que protestábamos eran ilegais”, afirman.

Aquel 30 de agosto 9 persoas foron identificadas pola Policía Nacional. Segundo explicaron elas propias “na zona onde estabamos concentrados non había ningunha sinalización nin peche perimetral das obras que indicase que nesa zona estaba prohíbido estar”. Dende a plataforma explicaron que “en ningún momento falamos cos operarios da empresa nin cos representamos da mesma e permanecemos lonxe do lugar onde se efectuaban as obras, non entendemos como se puido levar a cabo esa suposta coacción”.

No lugar estaban presentes axentes da Policía Nacional e da Policía Local e en ningún momento lles indicaron que non podían estar alí ou que estaban comentendo algún tipo de delito ou falta.  As persoas chamadas a declarar mantiveron que se trataba dunha protesta pacífica contra unhas obras que se confirmaron como ilegais e informaron que “a Plataforma Lugo Cara ao Miño naceu co obxectivo de traballar a favor do río, do medio ambiente e da cidade de Lugo”.