Día Mundial do Braille

As persoas cegas reclaman unha vida plena en braille, un código universal: "É insubstituíbel"

A incorporación do braille a espazos públicos, produtos e servizos avanza, pero de forma lenta. (Foto: Nós Diario).
O 4 de xaneiro é o Día Mundial do Braille. Non é un idioma nin se traduce. É un código que se transcribe e que conta xa con máis de 200 anos de historia: "O braille é o noso código de lectoescritura".

O braille é un sistema inventado polo francés Louis Braille tomando como base o traballo previo de Charles Barbier. Hoxe conmemórase en todo o mundo coincidindo coa data de nacemento de Braille, o 4 de xaneiro de 1809 en Coupvray. É un código que se aprende e que permite ás persoas cegas ou con discapacidade visual acceder ao coñecemento e permanecer conectadas co mundo.

"As crianzas que nacen cegas apréndeno de cativas, ao igual e ao mesmo tempo que o resto de escolares aprenden o código tinta, e as persoas que quedan cegas de maiores apréndeno cando o necesitan ou cando deciden aprendelo". Corina Alfonso Mañá é promotora de braille da ONCE desde hai dous anos e recoñece unha gran diversidade. "Hai quen non o necesita e decide aprendelo e hai quen espera até que se decata que xa non pode esperar máis".

En 2023 formou perto de 70 persoas e este ano comeza con máis de 30, que segundo as súas circunstancias e motivación precisarán de máis ou menos tempo. "Hai persoas que en catro meses xa saben ler e escribir en braille e hai quen precisa máis dun ano para dominar o sistema". O braille, defende Alfonso Mañá, "faite libre". Outorga autonomía e independencia, ademais de estimular unha maior sensibilidade nas mans. "Nós, as persoas cegas, miramos e vemos cos seus dedos e a min o braille abriume o sentido do tacto".

Implantación desigual

O braille é un código polivalente e universal sempre en revisión e en fase de implantación. "Témolo nos alimentos de primeira necesidade. Podemos velo en iogures, augas minerais, azucre ou cereais de determinadas marcas. Témolo nas botoneiras dos ascensores, mais non en todos, malia existir unha normativa que o exixe. Atopámolo en museos ou en espazos públicos, en guías, planes e carteis. O parque de Castrelos [Vigo], por exemplo, podémolo percorrer e desfrutar pola nosa conta. Témolo en xogos de mesa que saca a ONCE e témolo, moi ben implantado, nos medicamentos. Non hai un só fármaco que non o teña".

Fóra deste ámbito, o braille é un código que gaña presenza aos poucos. Desde a ONCE combaten o descoñecemento e a falta de vontade con actividades de formación e divulgación que moitas veces axiña ofrecen resultados. "Cada vez temos máis libros transcritos e libros multiformato para compartir en familia e cada vez hai máis restaurantes que nos ofrecen a carta en braille", salienta Alfonso Mañá, quen menciona, nas antípodas, dous sectores alleos ao código de lectoescritura das persoas cegas: o da moda e o da banca; sen rexistros braille nas etiquetas, para identificar a cor dunha prenda, nin nas tarxetas, cuxo número cadaquén adapta e garda á súa maneira.

A tecnoloxía revolucionou a relación das persoas cegas ou cunha deficiencia visual severa coa información e o coñecemento. "A irrupción dos programas de voz restou certo protagonismo ao braille nos últimos anos", confesa a este xornal Carlos Fernández Lamigueiro, presidente da ONCE na Galiza. "Garanten un acceso inmediato e cómodo á prensa e a libros de todos os xéneros que podemos descargar cun só clic. Pero non queremos nin podemos prescindir do braille, que ademais dunha marca de identidade é un código imprescindíbel. E o colectivo das persoas cegas ten que ser o primeiro en coidalo e reclamalo".

Un código insubstituíbel

Nin os teléfonos intelixentes nin as novas tecnoloxías poden suplir o que é estudar música, química ou matemáticas... "En braille non hai pentagramas, hai puntos, seis puntos cos que formamos 64 combinacións coas que armamos todo o alfabeto, os números, a música, todo o que se che ocorra", di Alfonso Mañá, con signografías específicas para saberes concretos.

Con seis puntos as persoas cegas adaptan e mudan o seu propio universo. "Teño adaptado un Monopoly, as especies que necesito na cociña e o meu tarxeteiro", afirma a promotora Braille da ONCE e impulsora de clubs de lectura neste código na Coruña, Vigo, Pontevedra e Santiago.