A Once ten 20.000 obras en galego adaptadas ao braille

Mañá é o Día Internacional do Braille, "o idioma das persoas cegas", indican desde a Once. (Foto: Europa Press)
Optometristas advirten do aumento das persoas con discapacidade visual

Desde o Colexio de Ópticos e Optometristas da Galiza aseguran que cada ano aumentan os casos de persoas con discapacidade visual. Porén, non existe un censo ao respecto que recolla as cifras sobre cantos pacientes con baixa visión hai na Galiza. Mañá, Día Internacional do Braille, Nós Diario analiza a situación que viven as persoas invidentes.

Segundo datos da Consellaría de Política Social, 23.746 galegas e galegos padecían algún tipo de discapacidade visual en 2019. Nesta liña, o optometrista Adrián Pérez explica a Nós Diario que en cuestión de anos, o total de persoas con baixa visión aumentou de 800.000 no conxunto do Estado español, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), até superar o millón e medio na actualidade. Aliás, apunta que a Galiza era a cuarta autonomía con maior porcentaxe de persoas con discapacidade visual.

Pola súa parte, a xefa do Departamento de Servizos Sociais da Once Galiza, Dolores Venancio Vilaboy, indica que a organización ten “case 4.000 afiliados” no país, unha cifra que se mantén. Con todo, observan que “hai menos persoas cegas totais e máis con discapacidade visual moi grave, sobre todo entre crianzas e maiores de 65 anos”. Vilaboy expón que os principais obstáculos aos que se enfrontan as persoas con baixa visión son as novas tecnoloxías, “que se deben adaptar aos problemas visuais das persoas para que sexan un apoio e non un problema”, e as barreiras físicas. Se ben sostén que as cidades galegas evolucionaron moito a este respecto, “queda moito por mellorar”.

Pérez explica que as rúas non están todo o preparadas que deberían para estes pacientes. “Hai pasos de peóns mal sinalizados, carrís para bicicletas que non se identifican e problemas de iluminación en moitos espazos” que dificultan a vida destas persoas. “Hai pouco comentábame unha paciente que chocaba continuamente cos menús dos restaurantes situados no medio da rúa”. Vilaboy engade que o bordo das rúas, por exemplo, non debe ter moita altura para que as persoas que se desprazan en cadeira de rodas poidan subir ou baixar das beirarrúas, pero tampouco poden ser moi baixos para que os bastóns poidan detectalos. Por isto, "cómpre que as obras nas cidades teñan o asesoramento correcto”. 

O idioma da persoa cega

O braille “é o idioma da persoa cega”, define Vilaboy. Na Once contan cunha gran biblioteca con arredor de 50.000 obras en braille, mais nos últimos están a impulsar en maior medida as lecturas nas novas tecnoloxías xa que o libro físico “ocupa moito”. No que respecta á literatura en galego, a Once xa adaptou as obras Arraianos, de Xosé Luis Méndez Ferrín; O sol do verán, de Carlos Casares ou A pomba e o degolado, de Fina Casalderrey; entre outras moitas. “Temos unha produción moi alta, agora hai entre 15.000 e 20.000 obras en braille en galego; cada ano súmanse arredor de 100 máis”. 

Ademais de novelas, a Once adapta moitos libros escolares e tamén outros materiais escritos como instrucións de electrodomésticos, cartas de restaurantes, programas de congresos, adaptacións de museos, etc. “Aumentou moito a demanda por parte de administracións e entidades que queren ter unha pequena guía en braille”. Na conmemoración deste día, a Once prepara actividades para que o braille se siga coñecendo.

A importancia de levar un estilo de vida saudábel

O optometrista explica que hai varias vías posíbeis polas que chegar a ter problemas de visión. Moitas son patoloxías xenéticas que provocan a perda da vista de certos pacientes. “A uns aféctalles ao centro da visión e non á vista periferia -dificultando a identificación de caras ou a lectura-, e a outros, pola contra, aféctalles ao campo periférico -poden ler letra pequena sen problema pero levan golpes ao deambular-“. Entre outras das enfermidades que causan discapacidade visual está o glaucoma. “Cómpre ter moito coidado co glaucoma, pois moitas veces o paciente non nota que ten un problema derivado deste e, cando o sabe, xa é demasiado tarde; chamámoslle o ladrón silencioso por iso”, explica Pérez. Algo parecido ocorre coa miopía, “unha patoloxía que afecta a moitísimas persoas”, xa que “a partir de certas dioptrías o paciente pode ter problemas graves de visión que non se resolven con gafas”.

Para evitar experimentar estas patoloxías, o optometrista explica que levar un estilo de vida saudábel tamén axuda a conservar a visión. A boa alimentación, o exercicio, pasar tempo ao aire libre e controlar as condicións de lectura, son algunhas das recomendacións que o experto aconsella seguir para non atopar problemas no futuro.