Persoal de Urxencias avanza accións legais e desmente o Sergas sobre o bloqueo na contratación ante un servizo saturado
Os coordinadores dos servizos hospitalarios de Urxencias da Galiza emitiron esta cuarta feira un novo comunicado no que acusan o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Alfredo Silva, de “ningunear” e “desprezar” o colectivo e mentir sobre a contratación do persoal. Ademais, anuncian accións legais ao considerar que os recentes acordos laborais e retributivos exclúen os médicos de Urxencias e denuncian un bloqueo nas contratacións.
Os coordinadores dos servizos hospitalarios de Urxencias da Galiza difundiron esta cuarta feira un novo comunicado no que cargan duramente contra o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Alfredo Silva, ao que acusan de “ningunear” e “desprezar” os profesionais do colectivo. Os responsábeis dos servizos advirten ademais de que emprenderán “as pertinentes accións legais” para garantir “o mesmo trato por parte da administración”.
No escrito, os xefes de Urxencias denuncian que os recentes acordos laborais e retributivos asinados polo Sergas deixan fóra os médicos de Urxencias hospitalarias. En concreto, sinalan que nin o acordo do 22 de abril, referido á Atención Primaria, nin o do 7 de maio, relativo á Atención Especializada, inclúen referencia ningunha a este colectivo.
Segundo explican, os profesionais de Urxencias continúan rexéndose polo acordo de xornada, retribucións e condicións laborais aprobado en abril de 2007, no que se estabelece unha xornada obrigatoria —“non voluntaria”, remarcan— de até 190 horas mensuais.
Os coordinadores consideran que esta situación supón unha “flagrante discriminación” respecto doutros facultativos e aseguran que acudirán á vía xudicial para reclamar igualdade de condicións. No comunicado tamén responden ás declaracións realizadas por Alfredo Silva tras a primeira nota emitida polos responsábeis de Urxencias, nas que o director xeral aseguraba que era “absolutamente falso” que o Sergas estivese bloqueando contratacións para estes servizos.
Fronte a iso, os coordinadores citan un correo interno do departamento no que se indica que “a formalización de calquera nomeamento temporal de facultativo especialista de área, particularmente de médico de Urxencias, requirirá autorización previa da Dirección de Recursos Humanos co informe favorábel da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria”.
Ademais, engaden que o pasado 6 de maio se comunicou a inclusión da especialidade de “médico de Urxencias” neses controis de autorización. Os profesionais tamén cuestionan que a actual dirección do Sergas se atribúa o mérito da creación de 149 prazas de médicos de Urxencias na Galiza. Segundo sosteñen, ese proceso foi acordado hai catro anos coa anterior dirección de Recursos Humanos, coa participación da anterior xerencia e do anterior conselleiro de Sanidade.
As prazas, explican, deseñáronse para facer fronte ao déficit estrutural dos servizos tras reunións cos coordinadores de Urxencias e fóronse ofertando de maneira progresiva ao longo de tres anos.
“Aínda que intente atribuírse este fito, nin estaba nin se lle esperaba”, afirman no comunicado, no que reivindican o traballo dos anteriores interlocutores institucionais, aos que atribúen “máis capacidade de diálogo e compromiso coa institución”.
O texto conclúe cunha mensaxe directa ao director xeral de Asistencia Sanitaria: “Na vida, o respecto gáñase coa coherencia diaria nas accións que un emprende”. Os coordinadores defenden que esa coherencia foi demostrada polos profesionais de Urxencias “cada hora” do seu traballo diario, incluída a etapa da pandemia da covid-19, e rematan asegurando que “que vostede os ningunee e desprece é indigno do seu cargo”.