Nova agresión nas Urxencias do HULA mentres os xefes do servizo de toda Galiza denuncian a "nefasta xestión" da Xunta
A agresión sufrida por dúas celadoras no servizo de Urxencias do HULA produciuse nun contexto de crecente malestar entre o persoal sanitario, que leva meses denunciando falta de persoal e escaseza de recursos. O incidente coincide ademais coas recentes críticas dos responsábeis dos servizos de Urxencias hospitalarias de até 11 hospitais da Galiza á xestión da Consellaría de Sanidade e ao "bloqueo" na contratación de profesionais.
O servizo de Urxencias do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), en Lugo, vivu esta segunda feira un importante episodio de tensión, con dúas celadoras vítimas dunha agresión física e verbal mentres atendían o proceso de triaxe. Os feitos ocorreron arredor das 15.30 horas, cando un home de 28 anos chegou ao hospital trasladado nunha camilla. Segundo relataron persoas presentes no lugar, aparentaba atoparse baixo os efectos do alcol e doutras posíbeis substancias.
No punto de triaxe atopábanse nese momento dúas celadoras e unha profesional de Enfermaría. Nun momento dado, o home comezou a amosarse alterado e agresivo. Segundo fontes presentes no servizo, o paciente propinoulle unha forte patada no muslo a unha das traballadoras. O persoal conseguiu inicialmente calmalo e facer que regresase á camilla para continuar coa atención.
Posteriormente, cando outra celadora o trasladaba cara ao box correspondente, o paciente volveu alterarse ao ser informado de que debía esperar uns instantes porque o espazo estaba ocupado. Nese momento empezou a berrar e insultar á traballadora, á que chamou “inútil” e dedicou outras expresións ofensivas.
A situación agravouse cando, segundo relatan as mesmas fontes, o home ameazou á celadora con “matar ao seu fillo”, insistindo varias veces nesa advertencia. A traballadora, que é nai, viviu o episodio con especial angustia. O paciente chegou ademais a baixar da camilla e fixo ademán de agredir á muller, que reaccionou interpoñendo a propia padiola entre ambos e refuxiándose nunha sala do persoal situada no corredor de Urxencias.
Pouco despois acudiron varios vixiantes de seguridade, que conseguiron reducir e controlar o home tras varios minutos de tensión no servizo. O paciente permaneceu posteriormente varias horas en Urxencias. As traballadoras afectadas atópanse moi impactadas polo sucedido.
Así, os profesionais do hospital reclaman máis medidas de seguridade e maior protección fronte ao aumento de episodios violentos nos servizos sanitarios nunha contexto de escaseza de recursos e de persoal que os celadores do hospital veñen reiterando desde hai meses.
Denuncia da "nefasta xestión" da Xunta
Todo isto nun contexto de crecente malestar entre o persoal dos servizos de Urxencias, emitindo esta terza feira os coordinadores dos servizos hospitalarios de Urxencias (SUH) de até 11 hospitais da Galiza un comunicado conxunto no que aseguraban sentirse “discriminados” e “maltratados” ante a "nefasta xestión" da Consellaría e denunciaban o "bloqueo" na contratación de profesionais por parte das xerencias das áreas sanitarias, que —segundo sosteñen— están “intervidas” pola Consellaría de Sanidade, departamento que “fiscaliza e autoriza ou non” estas incorporacións.
En total, unha decena de responsábeis dos servizos de Urxencias hospitalarias subscribían o texto, no que critican a “falta de resposta e os nulos avances” por parte do departamento dirixido por Antonio Gómez Caamaño, malia os “reiterados avisos e solicitudes de solución” aos problemas que aseguran padecer no día a día.