Xefes de Urxencias dunha decena de hospitais denuncian a "nefasta xestión" da Xunta: "Hai un grave problema de seguridade clínica"

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, esta terza feira. (Foto: Xunta da Galiza)

O persoal sanitario do servizo afirmou sentirse “discriminados” e “maltratados” por parte das xerencias das áreas sanitarias.

Os coordinadores dos servizos hospitalarios de Urxencias (SUH) da Galiza emitiron un comunicado conxunto no que aseguran sentirse “discriminados” e “maltratados” e denuncian o bloqueo na contratación de profesionais por parte das xerencias das áreas sanitarias, que —segundo sosteñen— están “intervidas” pola Consellaría de Sanidade, departamento que “fiscaliza e autoriza ou non” estas incorporacións.

En total, unha decena de responsábeis dos servizos de Urxencias hospitalarias subscriben o texto, no que critican a “falta de resposta e os nulos avances” por parte do departamento dirixido por Antonio Gómez Caamaño, malia os “reiterados avisos e solicitudes de solución” aos problemas que aseguran padecer no día a día.

Os profesionais advirten de que estas dificultades “afectan directamente á seguridade clínica e á calidade asistencial” nos servizos de Urxencias. Por iso, e “sempre desde a lealdade institucional”, lamentan que a voluntariedade para a realización da atención continuada, prolongacións de xornada e coberturas estea implantada para os facultativos de Atención Primaria e acabe de negociarse tamén para o resto dos servizos hospitalarios, deixando “unha vez máis á marxe” os profesionais de Urxencias.

“Non podemos permitir que as verdadeiras garantías da accesibilidade e da equidade do sistema sanitario público volvamos ser discriminados”, sinalan no comunicado. Os coordinadores lembran ademais o papel fundamental desempeñado polos servizos de Urxencias durante a pandemia da COVID-19 e consideran que os profesionais continúan a ser “maltratados”.

Tamén alertan de que actualmente está bloqueada a contratación de persoal para reforzar os servizos nun momento especialmente delicado, ás portas da tempada estival, cando a demanda asistencial medra de maneira exponencial en moitos hospitais galegos debido ao incremento de poboación asociado ao turismo.

Reclaman igualdade co persoal de Atención Primaria

Os responsábeis de Urxencias denuncian igualmente que os profesionais destes servizos se atopan “en inferioridade” respecto aos compañeiros e compañeiras de Atención Primaria "polas condicións económicas e laborais acadadas recentemente por estes últimos", apuntaron no comunicado.

Alertan de problemas de seguridade clínica

No comunicado tamén se fai fincapé na falta de ferramentas informáticas adecuadas para garantir a trazabilidade dos pacientes nos servizos de Urxencias, unha demanda que —afirman— levan realizando desde hai máis de 15 anos.

Segundo explican, a ausencia destes sistemas supón “un grave problema de seguridade clínica e un risco para a calidade asistencial”, especialmente nun contexto no que poden chegar a coincidir máis de 200 pacientes dentro dun mesmo servizo.

Aliás, critican que as novas ferramentas dixitais se desenvolvan sen contar cos profesionais de Urxencias. Como exemplo, citan IANUS 5, a nova historia clínica electrónica do Sergas, que —segundo advirten— provocaría “un bloqueo inmediato” dos servizos de Urxencias se se implantase nas condicións actuais, ao non estar deseñada para a atención urxente hospitalaria.

Situación “dramática” no CHUO

O comunicado fai especial referencia á situación do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), aínda que a coordinadora do servizo, Beatriz Martínez, non subscribiu o texto. Neste senso, o comunicado foi asinado por un total de dez coordinadores, entre eles José Manuel Fandiño Orgeira, do servizo de Urxencias do CHUA; Plácido Mayán Conesa, do CHUS; Ana María Carracedo García, do CHUF; Azucena Prieto Zapico, do Hospital do Barbanza; José Lema Trillo, do Hospital Virxe da Xunqueira; Manuel García Novio, do CHU Lucus Augusti; Ramón Muñoz López, do Hospital de Monforte; Angel Pichel Loureiro, do Álvaro Cunqueiro; Isabel Ángel Barba, do CHUP, e Tato Vázquez Lima, do  Hospital Comarcal do Salnés.

Os asinantes describen a situación do hospital ourensán como “dramática”, ao dispor —aseguran— de só 40 % dos facultativos necesarios para manter operativo o servizo.

“Levan meses exhaustos intentando manter a atención urxente da área sanitaria”, sinalan, antes de advertir das graves consecuencias que podería ter un eventual feche do servizo para a atención de infartos, ictus ou paradas cardiorrespiratorias.

Os coordinadores responsabilizan desta situación á xerencia da área sanitaria e á Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, ás que acusan dunha “nefasta xestión”.

Finalmente, os profesionais de Urxencias da Galiza fan un chamamento para que “todos, sen excepción, arrimen o ombreiro” co obxectivo de garantir a continuidade e a viabilidade destes servizos esenciais dentro do sistema sanitario público galego.

Semes mostra o seu apoio

A Xunta Directiva na Galiza de Semes (Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias) expresou en xaneiro deste ano o seu apoio a un primeiro comunicado emitido naquel momento polos Coordinadores dos Servizos de Urxencias Hospitalarios da Galiza, no que xa denunciaban esta situación de sobrecarga asistencial, a falta de drenaxe hospitalaria e o impacto que esta realidade ten tanto nos profesionais de Urxencias como en pacientes.

"Semes Galicia comparte plenamente o diagnóstico exposto polos coordinadores e considera imprescindíbel visibilizar unha situación que se prolonga no tempo e que alcanzou niveis de tensión dificilmente sostíbeis", sinalaba a entidade,

A este respecto, a Xunta Directiva denunciou a "falta de investimento" e que o  compromiso das enfermeiras e enfermeiros de urxencias está a "soster uns servizos tensionados ao límite". 

A Consellaría nega as acusacións

Pola súa parte, a Consellaría de Sanidade desmentiu as declaracións dos xefes e das xefas de Urxencias. "É rotundamente falso que se estea a bloquear a contratación de profesionais para os servizos de Urxencias Hospitalarias por parte do Servizo Galego de Saúde. Esta mesma semana está previsto aprobar no Consello de Dirección do Servizo Galego de Saúde as medidas extraordinarias para garantir as necesidades de cobertura asistencial no servizo de Urxencias de Ourense", sinala a Consellaría de Sanidade.