Persoal sanitario de Vigo denuncia unha nova agresión e protestas ante a falta de protección
En poucas semanas a área sanitaria de Vigo rexistra tres agresións ao persoal traballador tanto das Urxencias hospitalarias como da Atención Primaria. A xunta de persoal condena un novo ataque e adianta mobilizacións para reclamar a adopción de medidas preventivas urxentes.
A concentración contra esta terceira agresión terá lugar esta quinta feira, 8 de maio diante do PAC de Vigo ás 14.30 horas. Foi nese centro onde se rexistrou o incidente o pasado 26 de abril. Tres traballadoras foron vítimas dunha agresión durante a xornada de traballo neste servizo de urxencias. A agresión, explican desde a xunta de persoal, "na que unha das integrantes do corpo de persoal de servizos xerais do centro levou a peor parte, produciuse ante a discrepancia na indicación de que non está permitido o acceso aos centros sanitarios con patinetes". O desencontro que derivou nunha agresión ao persoal do PAC aconteceu malia a que a orde que prohibe o acceso con patinetes "está en vigor dende hai meses e conta con carteis indicando a prohibición".
Prevención e protección
A xunta de persoal xa trasladou a súa solidariedade ás traballadoras afectadas e ao persoal do PAC de Vigo, un centro con alta incidencia de agresións, sinalan. "Son numerosas as ocasións nas que temos solicitado que se tomen medidas preventivas nun PAC que até hai poucos anos contou con seguridade privada, que foi retirada malia as reclamacións das persoas traballadoras e da xunta de persoal".
En consecuencia, urxen á Xerencia da área sanitaria a se comprometer coa adopción de medidas preventivas e de protección urxentes e concretas. "Solicitamos que se realice unha análise en profundidade das causas e que se adopten accións sobre a orixe das mesmas para poder ter unha actitude preventiva real e demandamos novamente que se valore a incorporación de seguridade privada nos centros con máis problemática".
Desde a xunta tamén lembran ás persoas traballadoras a importancia de comunicar as agresións polos mecanismos estabelecidos, "porque ante as agresións na sanidade, tolerancia cero".
