Persoal sanitario exixe "tolerancia cero" tras unha nova agresión no PAC de Vigo
O persoal do Punto de Atención Continuada (PAC) do centro de Vigo concentrouse esta quinta feira diante da entrada das Urxencias para amosar o seu rexeitamento e “tolerancia cero” diante das últimas agresións acontecidas no PAC o pasado 26 de abril.
Tres traballadoras (dous de servizos xerais e un condutor) foron agredidas por un usuario ao que advertiran da prohibición de entrar no centro co seu patinete eléctrico. A agresión foi primeiro verbal e a actitude do usuario volveuse máis violenta e rematou cun parte de lesións por contusións e rabuñaduras a unha das traballadoras, a peor parada logo do incidente.
A traballadora agredida fisicamente precisou asistencia sanitaria no mesmo PAC, pero os afectados non notificaron no momento o acontecido por descoñecemento do procedemento. De feito, esta quinta feira criticaron desde a xunta de persoal da área sanitaria de Vigo que “o sistema é moi engorroso, non se pode facer directamente e no caso deste PAC non hai un xefe intermedio para estas tramitacións”, explicou a este xornal Pilar Rodríguez, presidenta da xunta de persoal.
Unha das reivindicacións das traballadoras e a xunta de persoal é “simplificar o sistema de notificación” destas agresións. Tamén criticaron o feito de que o Sergas retirara hai un tempo do centro a seguridade privada que tivo contratado un verán fai tres anos.
Asegura Pilar Rodríguez que este PAC, dentro da área sanitaria de Vigo, é “un dos máis problemáticos” polo elevado número de incidentes rexistrados, non só agresións ao persoal senón tamén roubos de material e danos patrimoniais.
"Edificio sen control"
Begoña Peiteado é médica neste centro, denuncia que no edificio “non hai control, dorme xente dentro e descoñecidos deambulan por el”. Cando estivo o garda de seguridade, a doutora Peiteado asegura que “tivo un efecto disuasorio” pero coa retirada deste servizo por parte da Xerencia “volveu a sensación de inseguridade, sufrimos agresións verbais case a diario e mesmo roubaron nos vestiarios”.
Tamén a xunta de persoal da área sanitaria A Coruña-Cee está a loitar contra o problema das agresións ao persoal dos centros sanitarios. Logo da agresión en Urxencias do CHUAC en xaneiro, esta sexta feira as traballadoras pedirán amparo á Valedora do Pobo xa que aseguran que nin o Sergas nin a Consellaría de Sanidade “nos deron resposta”.