Sanidade

Persoal sanitario estuda accións legais ante os "servizos mínimos abusivos" cos que o Sergas "rebenta" a folga

Concentración no Hospital Universitario de Ourense con motivo da folga do persoal médico convocada polo sindicato CESM na Galiza. (Foto: Agostime / Europa Press)
A través dun comunicado emitido aos medios horas antes da primeira reunión que manterán ambas as partes desde o inicio do paro, CESM critica a "imposición unilateral" dos servizos mínimos por parte da Consellaría de Sanidade.

A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) estuda emprender accións legais ante uns "servizos mínimos abusivos" estabelecidos polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) ante a folga de facultativos que arrincou a pasada terza feira, 11 de abril. Por iso, a organización convocante acusa a Administración de querer "rebentala".

A través dun comunicado emitido aos medios horas antes da primeira reunión que manterán ambas as partes desde o inicio do paro, CESM critica a "imposición unilateral" dos servizos mínimos por parte da Consellaría de Sanidade, debido a que "nalgúns casos" como na área de hospitalización do Hospital de Monforte "chegan a incrementarse 28,7%" sobre os acordados antes do arranque da folga.

"Pisan un dereito fundamental"

Por iso, o sindicato considera que a Xunta busca "rebentar" o paro "pisando un dereito fundamental". A isto suma a "falta de planificación, previsión e control" da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas porque, apenas unha semana desde que comezou o conflito, tivo que "aumentar considerabelmente" os servizos mínimos.

Ademais, a central cuestiona os datos oficiais de seguimento ofrecidos pola Administración e non entende por que "é necesario redobrar hoxe os servizos mínimos" se as cifras son similares ou, mesmo, inferiores á semana pasada.

Á vista de todo iso, CESM reclama que "debería ser substituído" por "incompetencia" o departamento de Recursos Humanos que dirixe Ana Comesaña, coa que o sindicato se reunirá esta cuarta feira pola tarde; ou que, no seu lugar, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, dea "explicacións sobre o seguimento real da folga".

E é que non ven "comprensíbel" que, tras unha semana na cal se anularon máis dun milleiro de cirurxías e decenas de miles de consultas, o conselleiro "non se teña dignado a reunirse co comité de folga".

Por iso, cuestionan o seu "liderado" porque "un líder ocúpase persoalmente dos conflitos, da súa prevención, manexo e resolución", sen que "se poida delegar".