Persoal de residencias e centros de maiores volve á folga para reclamar melloras laborais
As residencias de maiores e centros de día de xestión privada viviron esta terza feira unha nova xornada de folga. A mobilización, convocada pola Confederación Intersindical Galega (CIG), enmárcase no calendario de protestas impulsado por este sindicato "en defensa dun convenio colectivo para o persoal do sector da dependencia". O secretario de Negociación Colectiva da federación de Servizos da central sindical, Adolfo Naya, valorou, en declaracións a Nós Diario, como "positiva" a participación na folga, no marco duns servizos mínimos "abusivos, de case 100%". Nesta liña, referiuse ás concentracións desenvolvidas polo persoal na Coruña, Compostela, Castro de Rei (A Terra Chá), O Pereiro de Aguiar (comarca de Ourense), Pontevedra, Vigo e Vilagarcía (O Salnés).
Naya puxo o foco nas condicións laborais, sinalando que "60% dos traballadores e das traballadoras perciben unhas retribucións inferiores ao salario mínimo interprofesional (SMI)". Neste punto, advertiu de que "non pode ser que nun servizo esencial, como son as residencias de persoas maiores e os centros de día, as táboas salariais estean por debaixo do SMI". Nas categorías máis baixas a diferenza chega "case a 150 euros", e en categorías comoa de xerocultora, "40 euros por baixo".
O responsábel da CIG destacou que "para este persoal as subas do salario mínimo interprofesional significan que se lles están absorbendo outros conceptos retributivos e complementos como a antigüidade ou o pagamento de festivos". Nesta dirección, aseverou que "toda a experiencia profesional acumulada, que se debería reflectir no cobro da antigüidade, na realidade é absorbida, e dá o mesmo que leves un mes traballando que 20 anos".
"A Xunta da Galiza ten que ver a realidade das residencias, tomar en serio as demandas dos traballadores e das traballadoras e implicarse tanto na negociación colectiva como na dignificación das condicións laborais e salariais", reclamou Naya, quen criticou "a política de mercantilización dos coidados do Goberno do PP, que deriva nun deterioro da calidade asistencial e afonda na explotación laboral, mentres as grandes empresas e fondos de investimentos seguen a engrosar os seus beneficios".
Naya incidiu en que o Goberno galego "non pode lavar as mans nin seguir pasando dos traballadores e das traballadoras e das persoas usuarias". Nesta dirección, asegurou que o persoal dos centros de maiores se queixa de "carecer de tempo suficiente para ofrecer coidados de calidade ás persoas usuarias".
A traballadora da residencia de DomusVi de Ferrol Beatriz Fernández explicou a este xornal que "as condicións laborais nos centros de maiores son pésimas, e a falta de persoal repercute de forma negativa na atención aos usuarios e as usuarias". A este respecto, salientou que “os familiares dos residentes saben que estamos baixo mínimos e que non se nos pode pedir máis".
As mobilizacións do persoal dos centros de maiores terán continuidade esta sábado en Compostela, cunha manifestación nacional convocada pola CIG para denunciar o “inmobilismo da patronal” das residencias e “a inacción da Xunta da Galiza”.
A Xunta non atende o persoal das residencias desde setembro
A "falta de resposta" do Goberno galego ás demandas do persoal dos centros de maiores foi criticada esta terza feira pola CIG. A este respecto, Adolfo Naya denunciou que "aínda non respondeu á solicitude de reunión" que fixeron en setembro, "a pesar das súas responsabilidades na materia", e acusouna de "fomentar un modelo de coidados privatizado que precariza as traballadoras e a atención ás persoas usuarias para incrementar os beneficios das empresas" privadas.